Pestanas principais

Volven as andainas saudables cunha ruta entre o porto de Cabo e Cruz e a igrexa de San Vicente de Cespón

Venres, 15 de setembro de 2023

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa de Andainas Saudables, organiza para este mes de setembro un percorrido pola quinta etapa do camiño de Santiago dende o Barbanza, “A Orixe”. A ruta realizarase o sábado 23 de setembro. Os participantes camiñarán arredor de 14 quilómetros, partindo dende o porto de Cabo de Cruz ata a igrexa de San Vicente de Cespón. Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, día 20, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:15 horas.

Despois dun breve parón durante os meses de xullo e agosto neste mes de setembro volven as andainas saudables, que promove a Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde. Desta volta, trátase da quinta etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza, que discorre dende o porto de Cabo de Cruz ata a igrexa de San Vicente de Cespón.

Dito Camiño dispón dun recorrido de 120 quilómetros que parte dende o Faro de Corrubedo e pasa por diversos lugares da ría de Arousa, atravesando cidades e pobos costeiros como Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo ata enlazar co Camiño Portugués ao chegar a Padrón.

Hai 70 prazas dispoñibles. As persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o mércores, 20 de setembro, ás 14:00 horas, cubrindo o formulario ao que se pode acceder a través desta ligazón ou mediante o código QR do cartaz.

Ofrecerase servizo de autobús dende a praza do Concello de Bertamiráns (ás 9:00 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 9:15 horas). Debido á alta demanda en anteriores andainas, terán prioridade as persoas empadroadas en Ames. Recoméndase levar roupa e calzado axeitados.

Ruta da quinta etapa do Camiño
A quinta etapa do camiño “A Orixe” comeza no porto de Cabo de Cruz, onde rematou a anterior andaina que se realizou o pasado 1 de xullo. Trala saída os e as participantes camiñarán cara a praia de Ribeira Grande, para continuar avanzando bordeando a costa. Durante o camiño verán o cruceiro de Punta Curro ata chegar ao comezo da praia de Carragueiros. Despois xirarase á esquerda para ir en ascenso cara á parroquia de O Castro. Cando se leven 2,5 quilómetros chegarase ao cemiterio e a igrexa de Santa María, que data do século XVII e a ela acudían os mariñeiros para dar grazas, dando voltas de xeonllos ao redor do templo.

Deseguido, continuase por unha pista asfaltada ata a aldea de Triñáns. Tras pasar xunto a un cruceiro, vaise cara á dereita e chégase de novo á beira da ría, na praia de Mañóns, unha praia de máis de 1 km rodeada de piñeirais. Desde a praia hai que percorrer outros 2 quilómetros ata a parroquia de Abanqueiro, logo sáese á estrada DP-1106, xunto á enseada de Rianxo. Despois duns metros pola estrada hai que desviarse á esquerda para subir cara o monte, pasando polas aldeas de Brión, San Martiño, Reboredo, etc. Tamén se atravesan tramos de bosque, onde se pode ver o petróglifo, de más de 4000 anos de antigüidade, de “Laxe da cabra”, que se atopa preto da aldea de Quinteiro.

Logo hai que baixar ata a praia de Riba de Mar e seguir avanzando por unha senda boscosa xunto á costa, percorrendo a pequena península de Neixón, onde se atopa un importante enclave arqueolóxico, os “Castros de Neixón”. Pódese ver o “castro pequeno de Neixón”, do século IV antes de Cristo que se atopa na punta, a 8 metros de altura e cunhas espléndidas vistas sobre a ría. Posteriormente hai que virar cara a esquerda e uns metros máis adiante sitúase o Centro Arqueolóxico de Barbanza. Ao saír deste centro, séguese unha estrada local ao longo dun 1 quilómetro para cruzar unha ponte sobre a autovía AG-11. Deste xeito, chégase á parroquia de Cespón. Hai que ir camiñando outro quilómetro máis ata chegar á igrexa de San Vicente de Cespón.

Cartaz da andaina saudable de setembro

Multimedia

  • Cartaz da andaina saudable de setembro