Pestanas principais

Volve a poñerse en marcha o programa SaudeAndo cunha andaina dende o centro de saúde de Bertamiráns

Martes, 03 de setembro de 2019

Este xoves, 5 de setembro, ten lugar en Bertamiráns a primeira andaina saudable despois do paro feito durante os meses de xullo e agosto con motivo das vacacións de verán. Esta nova camiñada circular comeza ás 17.30h e ten saída e chegada ao centro de saúde de Bertamiráns. A actividade, ao igual que o resto de andainas encadradas dentro do programa SaudeAndo, trátase dunha ruta de dificultade media–baixa, dunha duración aproximada de hora ou hora e media. Organizadas pola Concellaría de Sanidade de Ames e os centros de saúde de Bertamiráns e Milladoiro, estas andainas organízanse en ambas localidades en semanas alternas.

Tralas vacacións de verán, o programa SaudeAndo volve poñerse en marcha este xoves, 5 de setembro, cunha andaina que terá saída e chegada no centro de saúde de Bertamiráns. Estas andainas pertencen ao programa SaudeAndo, que está organizado polo Concello de Ames e os centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro. Dito programa consta dunha trintena de andainas, 16 en Bertamiráns e 14 no Milladoiro, que se desenvolverán ata decembro en ambas localidades durante xoves alternos.

A ruta urbana deste xoves 5 de setembro, ao igual que calquera das realizadas ao abeiro do programa SaudeAndo, é de dificultade media – baixa, e ten unha duración aproximada dunha hora ou hora e media. Para participar nesta actividade, que está aberta a toda a veciñanza, non é preciso inscribirse previamente. Simplemente hai que achegarse á entrada do centro de saúde de Bertamiráns antes do inicio da actividade.

Ao igual que en andainas anteriores, a actividade esta supervisada por Ricardo Angueira Vázquez, o monitor que impartiu o curso de iniciación de Marcha Nórdica, polo que a andaina serve para que as/os participantes continúen afianzando o aprendido nos obradoiros ou comezar a aplicar algúns trucos desta modalidade neste tipo de actividades.

Promoción da actividade física
A través desta actividade, a Concellaría de Sanidade ten como obxectivo a promoción da actividade física e a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades, unha práctica entretida cunha importante repercusión na saúde. Neste senso, son numerosos os estudos que indican que a práctica regular de actividade física aporta unha ampla serie de beneficios, a longo e a curto prazo, tanto físicos como emocionais.

Así, entre o amplo abano de beneficios que supón a realización de exercicio físico atópase a mellora da función cardiorrespiratoria, da forza muscular e da masa ósea, ademais de converterse nun factor clave para combater a obesidade.

Asemade, esta práctica diminúe o desenrolo de factores de risco asociados a enfermidades crónicas como é o caso de hipertensión, diabetes, hipercolesterolemia ou osteoporose. Por outra banda, o deporte tamén mellora a autoestima, posto que permite reducir os síntomas de ansiedade e depresión e diminuír o estrés. Neste senso, a realización de actividade física, ademais de divertido axuda a sentirse máis feliz.

Calendario de andainas durante o 2019
Entre os meses de marzo e decembro deste 2019 programáronse un total de 30 andainas, das que 16 teñen lugar en Bertamiráns e 14 no Milladoiro. Así, en Bertamiráns haberá andaina os días 5 e 19 de setembro, 3, 17 e 31 de outubro, 14 e 28 de novembro, e 12 de decembro. No Milladoiro realizarase esta actividade os días 12 e 26 de setembro, 10 e 24 de outubro, 7 e 21 de novembro, e 5 e 19 de decembro.

Imaxe do cartel do programa SaudeAndo en Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe do cartel do programa SaudeAndo en Bertamiráns
  • Imaxe do cartel do programa SaudeAndo no Milladoiro