Pestanas principais

Volve o teatro profesional a Ames con Talía Teatro que representa o espectáculo “Foucellas”

Luns, 17 de outubro de 2016

[17-10-2016] Esta semana volve o teatro profesional ao concello de Ames da man da compañía Talía Teatro, que porá en escena o venres, 21 de outubro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o seu último espectáculo: “Foucellas”. Trátase dun drama que está ambientado no ano 1952. Este espectáculo que está escrito e dirixido por Cándido Pazó. A interpretación corre a cargo de Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo. As entradas para ver esta obra están á venda na Billeteira electrónica da web municipal ata dúas horas antes do comezo do espectáculo. Unha hora antes de comezar poderanse mercar na propia Casa da Cultura do Milladoiro.

A compañía Talía Teatro representará este venres, 21 de outubro, ás 21.00 horas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a obra Foucellas, que recolle certos aspectos da vida do mítico guerrilleiro antifranquista, Benigno Andrade, máis coñecido como Foucellas. Aínda que como explica o escritor e director da obra, Candido Pazó, este espectáculo “non conta a historia de Benigno Andrade, senón que a partir da súa historia, reflíctense unha serie de conceptos que atinxen a Foucellas pero, sobre todo, atinxen aos resistentes”.

Esta obra de teatro, que se estreou no mes de marzo, ten unha duración aproximada de 85 minutos e está dirixida a un público adulto. As entradas para este espectáculo estarán á venda na Billeteira electrónica da web municipal ata dúas horas antes do comezo da obra. Unha hora antes do espectáculo poderanse mercar na propia Casa da Cultura do Milladoiro. O prezo da entrada xeral é de 5 euros, e o reducido -para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 anos e estudantes con carné- é de 2,5 euros.

Talía Teatro é unha compañía santiaguesa creada en 1988 e que hoxe en día está considerada como unha das agrupacións teatrais galegas de maior prestixio. Desde os seus inicios centrou os seus obxectivos en dignificar o teatro e as artes escénicas empregándoos como transmisores dos valores culturais do país. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención ao teatro infantil e xuvenil de cara a atraer novos públicos. O traballo da compañía ten sido merecedor de numerosos premios polas súas montaxes.