[26-01-2012] A programación teatral de Ames continua esta fin de semana coa obra infantil Dous pallasos en apuros a cargo da compañía Os 7 magníficos +1. Fran Rei e Pedro Brandariz, presentan un espectáculo que rende homenaxe ás farsas clásicas dos pallasos, pero adaptándoas á Galicia do século XXI. Dende a compañía Os 7 magníficos+1, Rei e Brandariz propuxéronse dignificar o traballo dos pallasos e recuperar o espírito que tiñan estes mestres do humor nos anos 40, cando decidiron deixar os circos para ocupar os teatros. A peza teatral ten unha duración aproximada de 60 minutos. Esta obra representarase o venres 27 de xaneiro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
Dous Pallasos en Apuros é un espectáculo orientado ao público infantil de Os Sete Magníficos máis Un. Nesta divertida produción, recupéranse e actualízanse vellas farsas de circo clásico creadas pola familia Colombaioni para, sen esquecer a creatividade e actitude de risco características desta compañía, compoñer unha obra cómica dirixida principalmente ao público familiar.
"Os Sete Magníficos + Un" quixeron con esta peza "levar os narices vermellos enriba dun escenario", afirman os protagonistas, sendo a única produción do teatro galego infantil que inclúe este elemento. Ademais coa estrea desta obra a compañía pretende afondar na creación dun espazo para os números clásicos e sinxelos do mundo do pallaso de circo, a través de espectáculos de pequeno formato que, polas súas características, poidan adaptarse practicamente a calquera espazo escénico, tanto en interior como en rúa.
As verdadeiras protagonistas desta produción clown son a loucura e a improvisación que despregan sobre o escenario os seus dous protagonistas. Desde o rompedor inicio deste espectáculo, sucédense as situacións e personaxes máis ridículos e divertidos na procura da gargallada do público. Dous Pallasos en Apuros propón aos nenos e ás nenas unha revisión cómica sobre situacións do mundo real co humor e a ilusión herdadas do circo clásico: as relacións de poder, o medo á clínica dentista... O espectáculo estrutúrase sobre unha sucesión ininterrompida de números e personaxes que un baúl no chan do escenario fai xurdir.
Así, os nosos protagonistas empéñanse en recrear en escena unha pasaxe do universal Don Quijote de la Mancha, pero o resultado non será o que eles pretenden. De fracaso en fracaso, preséntase en escena outro dos personaxes clásicos da literatura, un Guillerme Tell con serios problemas de puntería, quen, coa axuda dun despistado axudante, representarán unha das farsas de pallaso de circo máis populares. E xa para rematar, aínda nos queda un dentista con máis ben pouca maña que retratará en clave humorística o temor á consulta dental.
Esta representación teatral enmárcase dentro da programación cultural de inverno. A programación teatral do Concello de Ames está repartida entre Bertamiráns e O Milladoiro. Ademais, está pensada tanto para o público infantil como adulto. A programación está incluída dentro das obras de teatro que ofrece a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Ao mesmo tempo o Concello de Ames forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o que permite traer a Ames obras de teatro de gran calidade e sona.
A programación teatral no Concello de Ames continua o vindeiro venres 10 de febreiro na Casa da Cultura de Bertamiráns coa obra Moito Conto da compañía Redrum Producións. Dirixida ao público familiar, a comedia musical Moito Conto está protagonizada por Mónica García, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa, e baséase no conto Hansel e Gretel. Desta peza teatral faranse dúas representacións no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Pola mañá, ás 11:00 horas, haberá unha sesión escolar, mentres que pola tarde, ás 18:30 horas, realizarase un segundo pase para o público infantil en xeral.




