Pestanas principais

Volve o teatro infantil á Casa da Cultura de Bertamiráns coa obra Dous pallasos en apuros da compañía Os 7 magníficos +1

Mércores, 07 de marzo de 2012

[07-03-2012] A programación teatral de Ames continua esta fin de semana coa obra infantil Dous pallasos en apuros a cargo da compañía Os 7 magníficos +1. Fran Rei e Pedro Brandariz, presentan un espectáculo que rende homenaxe ás farsas clásicas dos pallasos, pero adaptándoas á Galicia do século XXI. Dende a compañía Os 7 magníficos+1, Rei e Brandariz propuxéronse dignificar o traballo dos pallasos e recuperar o espírito que tiñan estes mestres do humor nos anos 40, cando decidiron deixar os circos para ocupar os teatros. A peza teatral ten unha duración aproximada de 60 minutos. Esta obra representarase o venres 9 de marzo, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Anteriormente, o pasado o 27 de xaneiro, esta obra de teatro xa se representou na Casa da Cultura do Milladoiro cun enorme éxito.

Dous Pallasos en Apuros é un espectáculo orientado ao público infantil de Os Sete Magníficos máis Un. Nesta divertida produción, recupéranse e actualízanse vellas farsas de circo clásico creadas pola familia Colombaioni para, sen esquecer a creatividade e actitude de risco características desta compañía, compoñer unha obra cómica dirixida principalmente ao público familiar.

As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres ás 14:00 horas a través do teléfono 981 535 940 ou o enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario venderanse a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.

Os Sete Magníficos + Un quixeron con esta peza levar os narices vermellos enriba dun escenario, sendo a única produción do teatro galego infantil que inclúe este elemento. Ademais, coa estrea desta obra a compañía pretende afondar na creación dun espazo para os números clásicos e sinxelos do mundo do pallaso de circo, a través de espectáculos de pequeno formato que, polas súas características, poidan adaptarse practicamente a calquera espazo escénico, tanto en interior como en rúa.

As verdadeiras protagonistas desta produción clown son a loucura e a improvisación que despregan sobre o escenario os seus dous protagonistas. Desde o rompedor inicio deste espectáculo, sucédense as situacións e personaxes máis ridículos e divertidos na procura da gargallada do público. Dous Pallasos en Apuros propón aos nenos e ás nenas unha revisión cómica sobre situacións do mundo real co humor e a ilusión herdadas do circo clásico: as relacións de poder, o medo á clínica dentista... O espectáculo estrutúrase sobre unha sucesión ininterrompida de números e personaxes que un baúl no chan do escenario fai xurdir.

Así, os nosos protagonistas empéñanse en recrear en escena unha pasaxe do universal Don Quijote de la Mancha, pero o resultado non será o que eles pretenden. De fracaso en fracaso, preséntase en escena outro dos personaxes clásicos da literatura, un Guillerme Tell con serios problemas de puntería, quen, coa axuda dun despistado axudante, representarán unha das farsas de pallaso de circo máis populares. E xa para rematar, aínda nos queda un dentista con máis ben pouca maña que retratará en clave humorística o temor á consulta dental.