[22-04-2017] O Concello de Ames puxo en marcha no mes de marzo o programa “Falemos de saúde”, que pretende poñer en valor o concepto de saúde e crear un espazo onde desenvolver charlas-obradoiros participativas sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina. Este mércores, 26 de abril, continúa este programa cunha charla sobre o acompañamento das persoas con cancro. Dita charla será impartida, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras), por Marcos Calvo, psicólogo da AECC da Xunta Local de Santiago de Compostela. Este programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, anima a toda a veciñanza a asistir a esta terceira charla do programa Falemos de saúde. “As dúas primeiras charlas tiveron unha boa acollida entre a cidadanía e agardamos que pouco a pouco as veciñas e veciños se vaian sumando a esta iniciativa que pretende poñer en valor o concepto de saúde e crear un espazo onde desenvolver charlas-obradoiros participativas sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina. Deste xeito, dáse cumprimento a unha demanda e a un dos obxectivo do terceiro plan municipal de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes presentado recentemente”.
A terceira charla deste programa impartirase este mércores, 26 de abril, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladorio (situado na rúa Figueiras). Neste caso abordarase o tema: Acompañar ás persoas con cancro. Esta charla será impartida por Marcos Calvo, psicólogo da AECC da Xunta Local de Santiago de Compostela. A palabra cancro e sobre todo o seu diagnóstico é unha nova devastadora tanto para o doente como para a súa familia. Non sempre é fácil enfrontarse a situación ou saber como reaccionar ou acompañar a quen atravesa por esa situación. Por iso é necesario e moi importante desmitificar tanto a palabra "cancro" como saber que podemos facer, como debemos enfrontarnos a esta situación e como debemos acompañar ás persoas que padecen esta enfermidade.
Este programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano. As charlas que se quedan por impartir son: defensa persoal; sexualidade ao longo da vida; dieta saudable; o alzhéimer e outras demencias; control do estrés e ansiedade; técnicas de relaxación; a menopausia; prevención de drogodependencias; corresponsabilidade e igualdade; e adicións sen sustancia.




