Pestanas principais

Volve o programa Espazos das Familias dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos

Sábado, 02 de outubro de 2021

Por terceiro ano consecutivo a Casa da Cultura do Milladoiro servirá como espazo de encontro de familias de nenos e nenas de 0 a 6 anos. Será todos os luns, de 11.30 a 12:30 horas. O programa “Espazos das Familias” ten como obxectivo reflexionar e debater sobre educación, ademais de compartir tempos e espazos lúdicos cos fillos e fillas. As persoas interesadas poden asistir directamente á sesión do luns ou chamar ao  627 542 532.

Espazos das Familias-Preescolar na Casa promove Encontros semanais para a formación, o intercambio de experiencias e o lecer compartido. Os encontros terán lugar todos os luns de 11:30 a 12:30 na sala 2 e 3 da Casa da Cultura do Milladoiro. As familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos encontrarán neste espazo a posibilidade e a oportunidade de formar unha rede de apoio e promover, ao mesmo tempo, o coñecemento e a participación das actividades promovidas polo Concello.

A psicóloga educativa Olaia González Díaz será a responsable de introducir ás familias nestes temas ligados á primeira infancia. As actividades que se levarán a cabo, serán adaptadas ás idades dos nenos, para desenvolver diferentes áreas do desenvolvemento. Ademais está programado facer distintas saídas en cada trimestre aproveitando os recursos que ofrece o Concello. Por exemplo, son habituais as saídas á biblioteca, para que as cativas e cativos poidan coñecer o funcionamento deste servizo municipal.

Os Espazos das Familias naceron coa vontade de converterse nunha prolongación da seguridade afectiva que para as crianzas representa a familia. Convértese así, nun lugar onde coñecerse, dialogar, reflexionar e compartir experiencias e ferramentas educacionais.

O programa arranca este ano con varias familias inscritas, pero segue aberto o prazo para apuntarse para calquera familia que se encontre interesada. Para facelo, pódese asistir directamente o luns ás 11.30 horas na Sala 2-3 da Casa da Cultura do Milladoiro ou chamando a responsable do programa, a psicóloga educativa Olaia González Díaz, no 627 542 532.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que “con estos espazos de encontro para as familias apostamos por poñer en valor a función educativa das familias, o recoñecemento e o respecto á infancia e ás necesidades de cada nena e neno, así como o afianzamento e/ou adquisición de determinados hábitos e/ou valores necesarios, así como reforzar e promover a parentalidade positiva"

Volve o programa Espazos das Familias dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos

Multimedia

  • Volve o programa Espazos das Familias dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos