Pestanas principais

Volve o programa Espazos das Familias dirixido a familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos

Luns, 14 de outubro de 2019

Esta mañá presentouse na Sala de Usos Múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro unha nova edición do programa Espazos das Familias- Preescolar na Casa. Este, que está organizado polo Concello de Ames en colaboración coa asociación socio-educativa Antonio Gandoy, está dirixido a familias con crianzas de 0 a 3 anos. O programa ten como obxectivo reflexionar e debater sobre educación, ademais de compartir tempos e espazos lúdicos cos fillos e fillas.

Neste curso 2019-2020 os encontros cas familias están programados para   todos os luns, de 11.00 a 12.00 horas da mañá, na Sala de Usos Múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. Por terceiro ano consecutivo, servirá como un espazo de encontro para familias de nenos e nenas de 0 a 3 anos, ofrecéndolles ás familias participantes e as súas crianzas a posibilidade e a oportunidade de formar unha rede de apoio e promover, ao mesmo tempo, o coñecemento e a participación por parte destas familias das actividades promovidas polo Concello.

A psicóloga educativa Olaia González Díaz será a responsable de introducir ás familias nestes temas ligados á primeira infancia. As actividades que se levarán a cabo, serán adaptadas ás idades dos nenos, para desenvolver diferentes áreas do desenvolvemento. Ademais está programado facer distintas saídas en cada trimestre aproveitando os recursos que ofrece o Concello. Por exemplo, son habituais as saídas á biblioteca, para que as cativas e cativos poidan coñecer o funcionamento deste servizo municipal.

Os Espazos das Familias naceron coa vontade de converterse nunha prolongación da seguridade afectiva que para as crianzas representa a familia. Convertese así, nun lugar onde coñecerse, dialogar, reflexionar e compartir experiencias e ferramentas educacionais.   

O programa arranca este ano con 9 familias inscritas, pero segue aberto o prazo para apuntarse para calquera familia que se encontre interesada. Para facelo, pódese asistir directamente o luns ás 11.00 horas na Sala de Usos Múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro ou chamando a responsable do programa, a psicóloga  educativa Olaia González Díaz, no 627 542 532.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que “con estos espazos de encontro para as familias apostamos por poñer en valor a función educativa das familias, o recoñecemento e o respecto á infancia e ás necesidades de cada nena e neno, así como o afianzamento e/ou adquisición de determinados hábitos e/ou valores necesarios”.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Comienza una nueva edición del programa Espazos das Familias"

Compostela 24 horas: "Ames volve a contar co programa Espazos das Familias dirixido a familias con nenos de 0 a 3 anos"

Imaxe Espazos das Familias - Preescolar na casa

Multimedia

  • Imaxe Espazos das Familias - Preescolar na casa