Pestanas principais

Volve o festival solidario Fest for Dent 2025 co concerto de Abraham Cupeiro “Resoando no pasado”

Xoves, 22 de maio de 2025

Esta mañá presentouse a cuarta edición do Fest For Dent, un festival solidario cuxa recadación se destina ao estudio da enfermidade de Dent, unha doenza rara que afecta a nenos e que non ten cura a día de hoxe. A investigación desta enfermidade realízase no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, a través do Nefrochus (Laboratorio de Xenética de Enfermidades Renais). Este ano cóntase con Abraham Cupeiro, un artista coñecido polo seu estudio de instrumentos tradicionais de todo o mundo, que ofrecerá un concerto o venres, 30 de maio, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A cuarta edición do Fest For Dent celebrarase o sábado 21 de xuño, a partir das 17.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Proximamente anunciarase a programación de dito festival solidario.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación do IV festival solidario Fest For Dent, que está organizado pola entidade Art for Dent (Asociación Galega da enfermidade de Dent), Culturactiva e o restaurante Onde Keiras. Ademais, nesta iniciativa colaboran os Concellos de Ames e Brión. Este ano o festival celebrarase no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, o sábado 21 de xuño, a partir das 17.00 horas. A programación de dito festival anunciarase nas próximas semanas.

Ademais da programación do propio festival, nesta edición cóntase cun concerto a cargo de Abraham Cupeiro, un artista coñecido polo seu estudio de instrumentos tradicionais de todo o mundo. Cupeiro ofrecerá un concerto o venres, 30 de maio, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas para ver este espectáculo xa están practicamente esgotadas. Trátase dun concerto 100% solidario. Aínda así existe unha Fila 0 para aquelas persoas que queiran colaborar.

Na presentación do festival estiveron Blas García, alcalde de Ames; Pablo Lago, alcalde de Brión; María Castelao, cofundadora de Art for Dent (Asociación Galega da enfermidade de Dent); Leti da Taberna, presentadora do festival; Jorge López, vogal de Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA); Fran Rei, de Culturactiva S. Coop. Galega; Manuel Rey do restaurante Onde Keiras; e Alberto Álvarez, técnico de cultura do Concello de Brión.

Presentación do IV Fest for Dent 2025
María Castelao, cofundadora de Art for Dent, dixo “este festival é 100% solidario, todo o diñeiro recadado vai íntegro para o Hospital Clínico Universitario de Santiago, que é onde se leva a cabo a investigación da enfermidade de Dent, que neste caso afecta ao meu fillo e a 10 nenos en Galicia, e que se non pelexamos nós non se faría nada por esta investigación, e é polo que traballamos e facemos estas cousas para conseguir que a investigación continúe adiante, porque o proxecto está en funcionamento. Este festival vai ser un espazo aberto, non vai haber unha entrada, a xente que veña a tomar algo, a mercar unha pulseira, unha camiseta, vai colaborar. Seguramente faremos unhas rifas que se venderán nos establecementos comerciais de Ames e Brión, que queiran colaborar, e haberá sorteos o día do festival para os que participen”.

Jorge López, vogal de Xuntanza de Empresarios de Ames, animou a participar nesta iniciativa: “nós levamos colaborando desde o principio, cando era en Brión, e agora que vén para Ames seguimos participando. Realmente somos poboacións irmáns, coincidimos en moito dos nosos clientes, parte dos nosos socios son de Brión, e esta era unha iniciativa que sempre nos agradou, por eso desde o principio estamos a colaborar. Animar a todo mundo a que participe o máis animadamente posible, tanto no concerto do día 30, como despois no festival do día 21. A ver se entre todos somos capaces de recadar unha cifra significativa de diñeiro”.

Leti da Taberna, presentadora do festival, dixo “coñecía a existencia deste festival a través da agrupación folclórica de Brión, da que formo parte, onde estiven vivindo durante moitos anos, pero nunca tivera a posibilidade de poder colaborar de ningún xeito, e para min é unha honra que a cultura tamén sirva para poder colaborar con estas iniciativas. Oxalá non fixera falta organizar estas iniciativas. Oxalá sigamos traballando todos para que tamén desde a política, desde todas as institucións, se apoie a investigación científica, para que se continúe mantendo a sanidade pública. Isto realmente non nos debería corresponder a nós, pero sempre é así, cando son cousas que afectan a poucas persoas parece que non tiveran”.

O alcalde de Brión, Pablo Lago, dixo “para min é un orgullo estar hoxe aquí colaborando nunha causa que eu considero que é moi importante. Isto empezou en Brión, pero isto non vai de marcos nin de barreiras, senón dunha enfermidade rara que, como ben dixo aquí a compañeira, non deberíamos estar nós aquí loitando por investigar para estas cousas, pero non nos queda outra. De verdade, o traballo que fan estas familias e os colaboradores todos con esta causa, é algo moi importante, porque só se sabe cando che toca na túa propia vida. O Concello de Brión sempre estivo aí, sempre estará, isto non vai de concellos, se non vai de algo máis, vai de solidariedade coas persoas. Brión sempre estará aí colaborando con esta causa”.

Pechou o acto de presentación, o alcalde de Ames, Blas García, que explicou “é certo que non lle tería que corresponder ás asociacións ter que facer este tipo de actividades para recadar fondos, porque ademais da experiencia que temos do acontecido nos últimos anos, a importancia da investigación é clave. No ámbito que nos toca, dende Ames vamos a seguir colaborando con esta iniciativa. As persoas que non poidan acudir a ver a Abraham Cupeiro, deben saber que hai unha Fila cero, a través da cal se pode colaborar, e despois o 21 de xuño, é o día onde queremos que moita xente dos concello de Ames, Brión e da contorna, poidan vir ata Bertamiráns pasar unha xornada agradable”.

Blas García engadiu “outra cousa que quero destacar é o traballo que fai Art for Dent , porque é unha asociación distinta, polo tipo de actividade que fai, polo seu nome, vinculada á arte, e sobre todo, á cultura. Ao final non sabemos o que vamos a necesitar ata que nos toca directamente e o sufrimos. Ninguén está libre de que calquera día necesitamos esa solidariedade que hoxe reclamamos para outros, que algún día a teñamos que reclamar para nós mesmos ou para algún dos nosos familiares, por iso é importante colaborar nesta iniciativa”.

Homenaxe a Vizoso
María Castelao tamén quixo render unha homenaxe ao artista gráfico Xosé Vizoso. “Este ano é a cuarta edición. No 2024 houbo un paréntese no festival por causas persoais, e o cartel é o mesmo, sigue tendo a mesma imaxe que no 2023. Vizoso foi unha persoa moi solidaria con nós. Este ano xa falara con el para facer o cartel desta edición, pero non puido ser, entón é unha homenaxe a el, manter este cartel. A nosa asociación está moi vinculada á arte e naceu dun tema artístico, entón, agradecerlle a Vizoso que seguramente nos este escoitando, que grazas pola súa imaxe, e que grazas a todos os que colaboran de maneira solidaria sen ningún tipo de compensación”.

Traballo de Art for Dent
A Asociación Galega da enfermidade de Dent ten en marcha varias iniciativas para recadar fondos para seguir investigando a enfermidade de Dent. Na páxina web de Art for Dent pódese atopar información detallada sobre as diferentes vías de colaboración que existen: faite socio/a; facer unha doazón económica, e mercar produtos solidarios.

A Asociación galega da enfermidade de Dent naceu en maio de 2021, a iniciativa dun grupo de familias galegas con nenos afectados pola enfermidade de Dent. Hoxe en día está formada por varias familias de Galicia e Asturias. Coñecedores da existencia dunha investigación en marcha, decidiron unirse para sumar esforzos, apoiarse e loitar xuntos por conseguir un futuro mellor para os seus fillos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Regresa tras un ano de parón a Ames o festival solidario para recadar fondos contra a enfermidade de Dent"

Diario de Santiago: "Volven os ritmos solidarios do Fest for Dent: música, esperanza e loita contra unha enfermidade rara en Bertamiráns"

Volve o festival solidario Fest for Dent 2025 co concerto de Abraham Cupeiro “Resoando no pasado”

Multimedia

  • Volve o festival solidario Fest for Dent 2025 co concerto de Abraham Cupeiro “Resoando no pasado”
  • Volve o festival solidario Fest for Dent 2025 co concerto de Abraham Cupeiro “Resoando no pasado”
  • Volve o festival solidario Fest for Dent 2025 co concerto de Abraham Cupeiro “Resoando no pasado”
  • Volve o festival solidario Fest for Dent 2025 co concerto de Abraham Cupeiro “Resoando no pasado”
  • Volve o festival solidario Fest for Dent 2025 co concerto de Abraham Cupeiro “Resoando no pasado”