Pestanas principais

Volve o Ames Cultural coa representación de “Artur UI, o ovo da serpe”

Xoves, 16 de abril de 2026

A programación do Ames Cultural continúa este venres, 17 de abril, coa adaptación da obra de teatro de Bertolt Brecht “Artur UI, o ovo da serpe”, ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta representación de Talía Teatro forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Podes consultar a programación completa do Ames Cultural premendo nesta ligazón.

O Ames Cultural continúa a súa programación do mes de abril coa representación teatral “Artur UI, o ovo da serpe”, unha adaptación da coñecida obra de Bertolt Bretch, da compañía Talía Teatro. A obra, que se representará o vindeiro venres 17 de abril, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, está dirixida por Quico Cadaval e Diego Rei.  

“Artur Ui, o ovo da serpe” é unha aposta por contar o momento actual a través da lente crítica e irónica do teatro épico. Máis alá de ser unha homenaxe a un clásico do século XX, esta produción explora con profundidade crítica os mecanismos do poder, a natureza do autoritarismo e as súas manifestacións ao longo da historia, establecendo un paralelismo co momento actual no que o fascismo volve asomar a cabeza fora do ovo. 

As entradas para esta función, de arredor duns 90 minutos, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames e teñen un prezo de 5€, a xeral, e 2,50€, a reducida. Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego. 

Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, no caso de que non estea completo o aforo. A venda pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo. 

Máis cultura en abril e maio
Logo desta representación, o venres 24, na Casa da Cultura do Milladoiro, o espectáculo de circo “Variedades Pistacatro” pechará a programación do mes de abril do Ames Cultural, que enfrontará o seu último mes. En maio, o Grupo Chévere traerá á Casa da Cultura de Bertamiráns “Ictus (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao)”, os días 8 e 9. Ambos pases serán ás 20.30 horas. 

Novas relacionadas

Diario de Santiago: "Volve o Ames Cultural coa representación de “Artur UI, o ovo da serpe”"

Volve o Ames Cultural coa representación de “Artur UI, o ovo da serpe”