- Tematica
O proxecto xuvenil Distrito 13 17 organiza o vindeiro venres 10 de abril, de 19.00 a 21.00 horas, no Pazo da Peregrina, a primeira actividade do mes de abril, chamada FUROR. Un xogo baseado no programa televisivo co mesmo nome. Podes anotarte na seguinte ligazón. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar en info@anacoseducativos.com ou no 694 216 484. Podes consultar toda a programación na seguinte ligazón.
O Club Xuvenil de Ames, Distrito 13 17, regresa o próximo venres 10 de abril cunha nova actividade: FUROR. Dende as 19.00 e ata as 21.00 horas, os rapaces e rapazas participarán nun xogo baseado no programa televisivo que recibe o mesmo nome. A actividade celebrarase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.
Esta actividade consistirá en, mediante a realización de equipos, caracterizarse e preparar grandes postas en escena co gallo de organizar unha gran velada repleta de probas musicais, nun ambiente distendido e festivo de rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos con gañas de pasalo ben. Esta actividade busca dinamizar e promover a participación da mocidade a través da música e a interpretación.
Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse mediante este formulario dixital ou a través do código QR da cartelaría antes do xoves previo á actividade. Cabe destacar que cada actividade é independente das demais, polo que anotarse nunha non é vinculante co resto. Para calquera dúbida, as persoas interesadas poden contactar en info@anacoseducativos.com ou no 694 216 484.
Máis actividades no mes de abril
Logo deste xogo de interpretación, máis adiante, o sábado 25 de abril, a organización volverá xuntarse de 19.00 a 21.00 horas, esta vez no anexo do pavillón municipal do Milladoiro, para realizar un Escape Room.
Distrito 13 17
Distrito 13 17 é un espazo activo, unha alternativa para que a xuventude do concello entre os 13 e os 17 anos (2013-2008) se coñeza e estableza nexos de unión e relacións sas, e onde a mocidade sexa a verdadeira protagonista do seu lecer. Cada encontro será unha oportunidade para expresarse, compartir, aprender e construír grupo, sempre nun ambiente seguro, respectuoso e participativo.





