Pestanas principais

Volve abrir a Aula de Informática do Milladoiro tras un mes pechada por vacacións

Mércores, 19 de setembro de 2012

[19-09-2012] Despois dun mes de descanso, a Aula de Informática do Milladoiro retomou este mércores, 19 de setembro, o servizo de Aula Aberta, que se ofrece en horario de 16:00 h. a 20:00 horas. Para poder empregar este servizo só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o carné de usuario/a. En outubro comezarán a desenvolverse os novos cursos que se enmarcan dentro da programación do último trimestre do ano. Durante o primeiro semestre de 2012 realizáronse varios cursos e obradoiros aos que asistiron 120 persoas. Ademais, dende xaneiro ata xuño déronse de alta 28 novos socios e a Aula de Informática rexistrou a visita de 1.466 usuarios/as.

Despois dun mes de descanso, a Aula de Informática do Milladoiro retomou este mércores, 19 de setembro, o servizo de Aula Aberta, en horario de 16:00 h. a 20:00 horas. Esta iniciativa consiste en deixar a aula de informática libre para todas aquelas persoas que queiran usar os computadores, tanto para buscar información como para calquera outra utilidade, sempre cunha persoa encargada, tanto para resolver as dúbidas que puideran ter o/as usuarios/as como para solucionar as incidencias que poidan xurdir.

Á Aula Aberta acoden adultos e maiores que acceden á Internet para ler a prensa, mirar o correo electrónico, entrar nas redes sociais ou buscar información puntual como pode ser para a preparación dunha viaxe. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o carné de usuario. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Calquera dúbida poden consultarlla á persoa responsable.

Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática. Ademais, a Aula de Informática acolleu durante o primeiro semestre (agás nos meses de verán) unha serie de obradoiros e xornadas destinados a sectores poboacións establecidos por idade.

Nestes intres estase a desenvolver o novo programa de actividades que dará comezo en outubro. A finais deste mes xa se coñecerá a programación desta aula de informática para o último trimestre do ano. Organizaranse diferentes obradoiros que estarán dirixidos á poboación adulta e aos nenos e nenas. A comezos do mes de outubro poderase comezar a realizar as inscricións para poder participar nestes obradoiros.

Datos xerais do primeiro semestre

Entre os meses de xaneiro e xullo un total de 1.466 usuarios/as empregaron estas instalacións en horario de Aula Aberta. Divididos por meses os datos de utilización da Aula de informática do Milladoiro foron os seguintes. En xaneiro empregaron estas instalación 120 persoas, en febreiro 196, en marzo 215, en abril 226, en maio 259, en xuño 271 e en xullo 179 usuarios/as. Ademais, a Aula de Informática do Milladoiro suma xa 1.348 socios, dos cales 28 foron novas altas que se produciron ao longo do primeiro semestre deste ano.

Durante o primeiro semestre de 2012 a Aula de informática tamén acolleu unha serie de obradoiros que se programan de forma trimestral. Estes obradoiros e xornadas destínanse a sectores poboacionais establecidos por idade. Nestes obradoiros participaron arredor de 120 persoas.