Pestanas principais

A Volta ciclista a España pasará por Ames

Martes, 28 de agosto de 2012

[28-08-2012] Ames é un dos concellos da contorna de Santiago de Compostela polos que pasará La Vuelta ciclista a España. Este venres, 31 de agosto, a décimo terceira etapa de La Vuelta, que consta de 172,8 quilómetros, desenvolverase entre Santiago de Compostela e Ferrol. Arredor das 13:30 h o pelotón pasará pola avenida da Maía e pola avenida da Peregrina, ambas dúas situadas en Bertamiráns, camiño de Negreira. Dende a Policía local de Ames avisan que estas rúas estarán cortadas ao tráfico durante o tempo que pase o pelotón por territorio amiense. Debido a iso recomendan evitar pasar pola avenida da Maía e da Peregrina entre as 13:00 h e as 14:00 horas.


Os veciños e veciñas de Ames terán ocasión este venres, 31 de agosto, de ver en directo aos mellores ciclistas do pelotón nacional e internacional xa que a décimo terceira etapa de La Vuelta a España pasará polas rúas de Bertamiráns. Será arredor das 13:30 horas cando os ciclistas que participan este ano en La Vuelta pasen polo quilómetro 6,8 que corresponde co trazado que pasa pola avenida da Maía e da Peregrina de Bertamiráns.

Este ano Galicia acolle cinco etapas de La Vuelta e unha delas sae de Santiago de Compostela. Concretamente trátase da décimo terceira que discorrerá entre a capital de Galicia e Ferrol e que ten unha distancia de 172,8 quilómetros. A saída terá lugar dende a Praza do Obradoiro. Os ciclistas percorrerán os primeiros quilómetros pola estrada AC-543 pasando por Roxos e Bertamiráns. A saída lanzada producirase no quilómetro 0,5 arredor das 13:28 horas.

Unha vez pase por Bertamiráns o pelotón seguirá por territorio amiense. Os ciclistas subirán polos Barreiros e baixarán cara Pontemaceira. Posteriormente dirixiranse cara Negreira por onde pasarán arredor das 13:50 horas. O pelotón atravesará o centro de Negreira dirección Santa Comba pasando pola Baña. Por Santa Comba o pelotón pasará arredor das 14:15 horas. Despois de pasar pola capital do Xallas o pelotón dirixirase cara a zona de Coristanco, Carballo e A Coruña.

Dende o Concello de Ames informan de que o paso de La Vuelta a España por Bertamiráns pode provocar o corte dalgunhas rúas durante o espazo de tempo que os ciclistas pasen por esta localidade. Dende o Concello pídeselle á veciñanza paciencia e comprensión xa que se trata dunha das probas ciclistas por etapas de maior nivel do panorama internacional.

Escola de verán

Os nenos e nenas que participan este mes na Escola de verán están traballando arreo para preparar as pancartas e bandeirolas coas que animarán aos ciclistas que participan este ano en La Vuelta ciclista a España. Os nenos e nenas de 3 e 4 anos elaboraron unhas bandeirolas coas que animarán aos ciclistas, mentres que os nenos e nenas de 5 e 6 anos están preparando varias pancartas. Ademais, os rapaces e rapazas de 7 a 12 anos irán disfrazados de ciclistas cunha camiseta amarela, casco e gafas de sol.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los niños de Ames recibirán la Vuelta a España disfrazados de ciclistas"