Pestanas principais

Visita ás obras do obradoiro de emprego dual Renova Ames-Brión III

Xoves, 29 de outubro de 2020

Os alcaldes de Ames e Brión, acompañados da concelleira de Promoción Económica e dos axentes de Desenvolvemento Local de ámbolos dous concellos, visitaron na mañá de onte as obras realizadas polos alumnos/as-traballadores/as do obradoiro de Emprego Renova Ames-Brión III co-financiado pola consellería de Emprego e Igualdade. A visita tivo como obxectivo as instalacións deportivas de Brión e de Bertamiráns e o propio Centro de Formación de Aldea Nova onde se colocaron paneis de enerxía fotovoltaica para auto abastecemento e mellora da eficiencia enerxética. O obradoiro remata o 18 de novembro. O 21 de outubro, a Consellería de Emprego e Igualdade publicou unha Orde pola que calquera empresa que contrate a algún alumno/a deste obradoiro por un período de tres ou máis meses recibirá unha subvención de 1.500 euros.

Os alcalde de Ames e Brión, Xosé Miñones e Pablo Lago, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz e os axentes de Desenvolvemento Local de ámbolos dous concellos comprobaron sobre o terreo as vantaxes enerxéticas que obteñen varias instalacións municipais de ámbolos dous concellos despois das obras realizadas a través deste obradoiro. As instalacións deportivas do campo de fútbol de Bertamiráns, onde se instalaron paneis de produción eléctrica para auto abastecemento dos vestiarios, o pavillón polideportivo de Bertamiráns, ao que se lle dotou de paneis fotovoltaicos para a produción de auga quente e sanitaria, o pavillón de deportes de Brión ao que as obras permitirán un mellor nivel de auto abastecemento eléctrico, ademais do propio Centro de Formación de Aldea Nova, onde tamén se instalaron paneis para consumo eléctrico propio, foron os obxectivos da visita.

Malia a parada obrigada dos meses de confinamento, o alumnado-traballador do obradoiro de Emprego RenoAmes-Brión III rematará o vindeiro 18 de novembro con todas as obras previstas no proxecto inicial concluídas coas adaptacións e recolocacións que xurdiron durante os meses que durou o proxecto. Nesta ocasión a formación e a práctica consistiu na Montaxe e mantemento de instalacións fotovoltaicas (ENAE 0108 de nivel 2) e os alumnos/as - traballadores/as fixeron actuacións na Escola Infantil de Brión, nos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns de de Brión, na Casa a Cultura de Milladoiro e no propio Centro de Formación de Aldea Nova onde se imparten este e outros cursos de formación ocupacional.

O obradoiro que tiña unha duración inicial prevista de 9 meses. Malia que durante o período do confinamento os alumnos/as traballadores/as recibiron apoio e seguimento on line, unha vez recuperada a asistencia presencial, alongouse a data de finalización do obradoiro. Participaron 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión) e un equipo de 5 persoas encargouse da formación e xestión do proxecto. Nesta ocasión, a formación centrouse no sector da enerxía fotovoltaica. As prácticas dirixíronse cara á instalación e mantemento de equipamentos solares fotovoltaicos en edificios municipais de Ames e de Brión.

Subvencións para as empresas que contranten alumnos/as do Renova Ames-Brión III
O obradoiro Renova Ames-Brión III ten como obxecto a cualificación e inserción profesional de persoas desempregadas. Os/as participantes rematan coa obtención do título de “Montaxe e mantemento de instalacións fotovoltaicas” o que, neste caso, os/as cualifica para traballar en calquera empresa relacionada co sector da enerxía fotovoltaica.

Cómpre salientar que o pasado 21 de outubro, o concello de Ames co financiamento da Xunta de Galicia a través da consellaría de Emprego e Igualdade ditou unha orde pola que calquera empresa que contrate a algún dos alumnos/as traballadores/as deste obradoiro Renova Ames-Brión III por un período mínimo de tres meses, obterá unha subvención de 1.500 euros.

O obradoiro está co-financiado pola consellería de Emprego de Igualdade, e promovido polo Concello de Ames en colaboración co Concello de Brión.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Los alcaldes de Ames y Brión visitan las obras realizadas en las instalaciones deportivas de los municipios "

El Correo Gallego: "Visita dos alcaldes de Ames e Brión ás recentes obras do Obradoiro de Emprego"

Revista AmesGo: "1500€ por alumno contratado entre os que finalizan o obradoiro de emprego"

Revista AmesGo: "O Centro de Formación para o Emprego en Ames está a investir 74.000 euros na formación de 60 desempregados"

Visita ao obradoiro de emprego Renova Ames-Brión III

Multimedia

  • Obras no pavilón de Brión
  • Obras no Centro de Formación de Aldea Nova
  • Obras no pavillón de Bertamiráns
  • Obras no Centro de Formación de Aldea Nova