[28-05-2015] Un ano máis o obradoiro de manualidades chega ao seu fin, e como soe ser habitual, realizouse unha exposición cos traballos que elaborou o alumnado que participou neste obradoiro durante o curso 2014-2015. A exposición está aberta ao público ata este venres 29 de maio. Todas as persoas que desexen visitar esta mostra terán que acudir ó Pazo da Peregrina en horario de 17:00 a 20:00 horas. Esta actividade enmárcase dentro do programa de obradoiros culturais e escolas deportivas organizado polo Concello de Ames.
Máis de 50 persoas, repartidas en cinco grupos, participaron este ano no obradoiro de manualidades que se impartiu nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Tres profesoras foron as encargadas de impartir esta actividade municipal os luns, martes e xoves.
O alumnado estivo repartido en cinco grupos. As clases impartíronse en Bertamiráns; os luns de 20:00 h a 22:00 horas e os martes de 10:00 h a 12:00 horas. No Milladoiro houbo tres grupos. Dous grupos acudiron ás clases os martes de 20:00 h a 22:00 horas e o terceiro grupo tiña clases de manualidades os xoves, de 10:30 h a 12:30 horas.
Esta actividade ten un enorme éxito entre os adultos que dispoñen de tempo libre para o lecer, pero este divertimento tamén implica traballo. Pinturas acrílicas, témperas, cartón, papel, pinceis, barro e verniz, entre outros materiais, encheron durante estes meses as aulas do obradoiro de manualidades. Todos os grupos mostraron unha gran dedicación e fixeron utensilios aproveitables para o fogar e para a decoración.
O obradoiro foi de gran utilidade para todas as persoas que participaron nesta actividade. Entre os traballos que poderemos atopar no Pazo da Peregrina nestes días hai caixas tapizadas, cadros, traballos de bixutería como pulseiras, flores decorativas, esculturas con espuma e escaiola, espellos decorados, etc. Un dos traballos que maior expectación espertará seguramente será unha peza tallada en madeira.
As diferentes expresións artísticas realizadas polas alumnas amosan a habilidade destas na reutilización de materiais para darlles un uso diferente ao que están destinados ou crear utensilios novos a través de distintos materiais, como barro ou xeso.