[22-11-2018] A exposición das obras candidatas aos premios do V Certame de Fotografía Comercial-Empresarial xa pode visitarse na Casa de Cultura do Milladoiro, onde permanecerá aberta ata o 28 de decembro. A gala de entrega de premios celebrarase o 21 de decembro, na que se darán a coñecer os nomes das persoas gañadoras. A temática do concurso xira en torno ao propio parque e a visión da empresa actual.


Co obxectivo de compartir imaxes de calidade e crear unha estética das construcións eminentemente funcionais situadas no parque empresarial do Milladoiro, a asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro creou o Certame de Fotografía Comercial-Empresarial, que este ano celebra a súa quinta edición. Así, tralo remate do prazo de presentación das obras, este martes abriuse a exposición das obras que participan no concurso na Casa da Cultura do Milladoiro, que estará aberta ata o 28 de decembro.
O final do certame marcarao a gala de entrega de premios, que se celebrará o venres, 21 de decembro, ás 20:30 horas, no salón de actos da Casa de Cultura do Milladoiro. Durante o acto, repartiranse os premios entre as dúas categorías nas que se dividiu o concurso. Na categoría de adultos repartiranse tres premios: o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro de 100 euros, ademais dun diploma acreditativo que se entregará a cada participante. Na categoría xuvenil-infantil, pola súa banda, repartiranse vales para material fotográfico por valor de 75, 50 e 40 euros, dependendo do posto no que se quede, máis un diploma acreditativo.





