Pestanas principais

Karbonius, un exemplo do talento emprendedor existente en Ames

Luns, 01 de abril de 2024

O alcalde de Ames, Blas García, visitou xunto á concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, a empresa Karbonius Composites Technologies, unha empresa punteira no sector do traballo da fibra de carbono con proxección internacional e sede no Milladoiro. Foron acompañados do dono e fundador, David Segade, que comezou este proxecto no taller da súa casa no ano 2008. Pretenden duplicar as instalacións no concello e para elo teñen prevista unha forte inversión nos próximos tres anos en instalacións, equipamento e persoal.

A día de hoxe Karbonius é unha empresa referente nos traballos con fibra de carbono e goza dunha gran reputación a nivel nacional e internacional, con gran presenza en mercados como o inglés, o americano e o alemán e especializada en sectores como o automobilístico ou o náutico. Actualmente está situada no parque empresarial do Novo Milladoiro, nunhas instalacións de 1000 metros cadrados equipadas con tecnoloxía de última xeración para un deseño, fabricación e acabado de máxima calidade.

David Segade deu as claves do rápido crecemento de Karbonius, que no ano 2008 operaba no seu propio garaxe: “Non hai receita máxica. Temos un persoal comprometido e capaz, ofrecemos unha atención personalizada e realizamos un traballo de máxima calidade”.

García e Paz visitaron as instalacións invitados por Segade e deron a coñecer a súa intención de organizar xuntanzas entre as empresas de Ames para crear sinerxias que permitan un crecemento conxunto do tecido empresaria amesán. O alcalde pola súa parte eloxiou o rápido crecemento de Karbonius e cualificou a empresa como “a mostra perfecta do talento existente en Ames”.

Visita á fábrica
O xerente acompañou ao alcalde e á concelleira durante a visita ás instalacións e explicoulle todo o proceso que seguen na empresa dende a conservación da fibra de carbono nunha cámara frigorífica ata a entrega final do produto elaborado, aínda que o traballo comeza coa análise das necesidades do cliente, a análise estrutural e a fabricación do molde.

Unha vez deseñado e feito o molde procédese á selección da fibra óptima para a peza, que é producida na mesa de corte. Posteriormente procédese coa fase de laminado, que consiste na adaptación e o asentamento das capas de fibra de carbono ao molde, que será introducido a continuación nunha bolsa para a retirada do aire, que provocará que se compacten as capas.  

A continuación estas son introducidas no autoclave e sometidas a un proceso de curado baixo presión a 125 graos, o que fará que estas gocen de resistencia. Unha vez arrefriado o molde, retirarase a peza con coidado. Finalmente a peza resultante será recortada para eliminar o material sobrante e recibirá un lixado, vernizado e pulido como proceso de acabado final.

Dende a xerencia da empresa apuntan a que pretenden duplicar as instalacións no concello e  para elo teñen prevista unha forte inversión nos próximos tres anos entre instalacións, equipamento e persoal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Karbonius, un referente empresarial en Ames"

Ames Go: "O alcalde visita Karbonius e anuncia medidas para mellorar a sinerxía entre empresas de Ames"

Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies

Multimedia

  • Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies
  • Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies
  • Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies
  • Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies
  • Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies
  • Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies
  • Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies
  • Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies
  • Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies
  • Imaxe da visita á empresa Karbonius Composites Technologies