[25-06-2016] Este martes, 28 de xuño, as persoas participantes nas actividades organizadas pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) para este curso teñen unha cita: a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o acto de clausura. Antes disto varios grupos despedíronse con excursións e visitas; o Seminario de amigos da Viticultura fíxoo de excursión por dúas adegas da provincia de Pontevedra, mentres que o club de lectura e a Escola Integral de Maiores puido percorrer os canóns do Sil e a vila de Monforte de Lemos.
“O voluntariado do noso concello é un referente na nosa comunidade”, afirma a concelleira de de Voluntariado e Participación Veciñal Isabel González. Apunta ademais que “este goberno pretende darlle un pulo nos vindeiros anos e seguir apostando polas diferentes accións voluntarias que tanto éxito están a ter". Os cursos ofertados pola OVA inclúen as Escolas Integrais de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro, cursos de español para estranxeiros, cursos de inglés para maiores- incorporados a oferta da OVA o pasado ano- ou obradoiros de costura ou patronaxe.
No curso 2015-2016 29 alumnas e alumnos participaron no Seminario de amigos da Viticultura, unha das actividades de maior éxito das organizadas pola OVA. Ao longo dos encontros que tiñan lugar cada luns no Milladoiro aprenderon a mellorar as súas técnicas de poda, as formas de guiar os bacelos ou os marcos de plantación máis axeitados para a produción e a maduración do viño.
Os e as participantes do Seminario tamén aumentaron os seus coñecementos das distintas denominacións de orixe galegas e as súas características e, como cada ano, escolleron onde complementar a súa formación. Visitaron o sábado 11 de xuño dúas adegas da súa elección, ambas especializadas na produción de albariño: a adega Moraima, unha cooperativa nada no concello de Barro no 2006, e a adega Albamar, situada na zona de Cambados. Coñecéronas por dentro e puideron catar os seus caldos. Entre unha e outra houbo tempo para parar na zona do Pazo de Baión para o xantar.
Pola súa banda as persoas que acudiron este curso ao club de lectura do Milladoiro e as participantes na Escola Integral de Maiores xuntáronse para facer unha pequena viaxe. Nun autobús trasladáronse até os canóns do Sil, onde os e as 35 participantes conduciron os seus catamaráns polo río durante case tres horas. Para repoñer forzas fixeron unha parada na Teixeira, na provincia de Ourense, para o xantar. Xa pola tarde achegáronse á vila de Monforte de Lemos, que o alumnado das Escolas Integrais de Maiores xa estudaran nas súas aulas. Un dos seus profesores falou brevemente co grupo sobre a historia de Monforte, tralo cal tiveron tempo libre para percorrer a vila e tomar un aperitivo.
A Escola Integral de Maiores ofrece formación a veciñas e veciños amesáns que, na súa infancia, non tiveron a oportunidade de rematar a súa formación escolar. A lectura, a escritura ou pequenas operacións matemáticas son algunhas das cousas que aprenden nas aulas de Bertamiráns e do Milladoiro. Este ano acudiron a clase 39 amesáns e amesás.
Clausura das actividades da OVA o martes 28 nun acto no Milladoiro
O martes 28 de xuño, ás 17:30 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o acto de clausura dalgunhas das actividades organizadas pola OVA. Tanto as persoas voluntarias que axudaron como apoio nas aulas como as alumnas e os alumnos recibirán un diploma pola súa participación. Despedirá este curso o alumnado de Español para estranxeiros, o do Seminario de Amigos da Viticultura, os participantes do curso de Relaxación a través das cores, os e as maiores de “Achégate ao inglés”, as persoas que acudiron aos cursos de iniciación á costura e de patronaxe, corte e confección, os e as voluntarios de apoio escolar e, por último, as alumnas e os alumnos das Escolas Integrais de Maiores. Estes últimos veñen preparando dende hai semanas unha actuación para ofrecer ao público; cada ano preparan unha obra de teatro ou lecturas de poesía.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Usuarios de la OVA despiden el curso con un viaje a los cañones del Sil"




