[04-12-2017] A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames (OMIX) organizou o pasado sábado, 2 de decembro, un novo curso de dinamización de eventos infantís na Casa da Cultura do Milladoiro. Nel participaron un total de 20 persoas que, ao longo de oito horas, recibiron formación en materia de animación de grupos, globoflexia, maquillaxe e teatro. Entre as persoas participantes había tanto monitoras e monitores que querían completar a súa formación, como algunhas nais e pais interesados en coñecer recursos e ferramentas que lles axudasen na crianza das súas fillas e fillos. O curso contou cunha longa lista de agarda, o que reflicte a boa acollida do curso por parte da veciñanza amesá.
O curso de dinamización de eventos infantís foi impartido por unha escola de tempo libre, o pasado sábado, 2 de decembro, en horario de 10:00h a 14:00h e de 15:30h a 19:30, na Casa da Cultura do Milladoiro. Dirixido a persoas maiores de 18 anos, interesadas en adquirir recursos e ferramentas para poderen desenvolver actividades de entretemento e dinamización infantil, o curso, que foi totalmente gratuíto, abordou diferentes aspectos característicos deste tipo de eventos como a maquillaxe, a globoflexia xigante de decoración ou globloflexia infantil. Estes coñecementos permitirán ao alumnado animar festas de aniversario, vodas, comuñóns e calquera tipo de eventos que teñan como obxectivo entreter e animar a grupos de nenas e nenos.
A formación contou con 20 prazas que se foron cubrindo, na súa totalidade, por estrita orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no concello. Todo o alumnado que completou a formación recibirá un certificado de asistencia. A concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, destacou a importancia da realización destes cursos: “Desde o Concello de Ames, consideramos que é relevante a organización deste tipo de formacións, que aumentan as posibilidades das persoas mozas no mercado laboral. Con este curso, queremos completar a formación das monitoras e monitores de tempo libre, capacitándoos para a dinamización de eventos infantís”.