[10-04-2015] Vinte e un alumnos do programa integrado para o emprego InserAmes Brión iniciaron esta semana as súas prácticas de empresa tras completar os cursos especializados en Limpeza de edificios e locais e Servizos de restaurante-bar. Ao longo de sesenta horas realizarán prácticas non laborais en diferentes establecementos comerciais e hostaleiros da comarca.
O programa InserAmes Brión vai dirixido principalmente a persoas desempregadas menores de 30 anos e ten como obxectivo mellorar a empregabilidade dos participantes, aumentando as súas opcións para acceder a un posto de traballo. Dende o pasado mes de setembro está a ofrecer formación para o emprego a 80 persoas.
Os concellos impulsores desta iniciativa, Ames e Brión, perseguen facilitarlle o acceso á formación aos seus veciños co fin de reducir o desemprego e dende o comezo deste programa acadaron a inserción laboral 29 dos 80 participantes.
Cursos para os próximos meses
No marco do programa InserAmes Brión desenvolveranse novas actividades durante os próximos meses. Sesións de prevención de riscos laborais, técnicas de comunicación e habilidades sociais ou informática básica son algunhas das accións que compoñen a oferta formativa.




