[28-02-2012] A Mesa Local de Comercio, presidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor, acaba de aprobar na súa última reunión a celebración da VIII Feira de Comercio Val da Maía, que se desenvolverá no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns os días 9, 10 e 11 de marzo. Con 400 metros cadrados para expositores, a Feira do Comercio Val da Maía contará coa participación de máis dunha trintena de establecementos locais e, por primeira vez nesta oitava edición, ampliará a súa duración a tres xornadas. Así, o venres 9 a inauguración do evento terá lugar ás 17:00 horas e a apertura ao público será ata as 21:00 horas. O sábado 10, a Feira de Comercio prolongará o seu horario dende as 11:00 ata as 22:00 horas, mentres que o domingo 11 o horario de apertura será de 11:00 ata as 20:00 horas.

Por primeiro ano, a Feira do Comercio Val da Maía organízase de forma conxunta pola Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e a Asociación de Empresarios do Milladoiro. Neste sentido, desde a Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo avanzouse que en 2013 a Feira do Comercio será no Milladoiro, co obxectivo de alternar os dous núcleos urbanos de Ames como lugares de celebración dos eventos de especial relevancia no calendario, tal e como xa se fixo co Entroido 2012.
A VIII Feira do Comercio Val da Maía permitiralle aos comercios participantes dar a coñecer os seus produtos en diversos sectores coma o téxtil, calzado, electrónica, óptica, roupa, artesanía, fogar, regalos, chemineas e instrumentos musicais. Como novidade deste ano, a organización ten confirmada a presenza de 8 artesáns que realizarán demostracións en directo do seu traballo nalgún dos expositores. Ofrecerase ademais servizo de cafetería, tanto no interior coma no exterior do recinto, incluíndo un posto de venda de polbo.
O Pavillón Polideportivo contará cun espazo de ocio educativo, atendido por persoal cualificado, para nenos de entre 2 e 12 anos en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas. Do mesmo xeito, complementando o espazo de gardería instalaranse inchables, tanto no exterior como no interior, como atracción lúdica para os máis pequenos baixo a supervisión de monitores.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La feria comercial de Ames une por primera vez a Bertamiráns y Milladoiro"




