O Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organiza unha nova edición do torneo de fútbol base, Ames Cup, que terá lugar no campo municipal de Bertamiráns, do 18 ao 21 de abril. Un total de 75 equipos, formados por nenos e nenas de ata 12 anos, participarán da festa do fútbol base en Ames, nas categorías biberón, prebenxamín, benxamín e alevín. O equipo anfitrión, o Bertamiráns FC, estará representado con 12 equipos. Os horarios das catro xornadas que compoñen o VIII Ames Cup poden consultarse premendo baixo o apartado de descargas desta nova
O torneo disputarase na modalidade de fútbol 8, para o que se habilitarán dous campos de xogo dispostos ao ancho. O xoves 18 realizarase a competición da categoría benxamín, mentres que o venres 19 disputarase na categoría prebenxamín, o sábado 20 será a quenda para os rapaces e rapazas da categoría alevín e, por último, o domingo 21 de abril chegará o momento da categoría biberón. Tanto na categoría benxamín como na alevín participarán 24 equipos, mentres que na prebenxamín farano 19 e na biberón 8.
A Ames Cup consolidase, ano tras ano, na programación deportiva municipal apoiada polo incremento de participación. Así, nesta edición conta coa participación dun total de 75 equipos. Ditas agrupación proveñen de diversos concellos como Ames, Vedra, Teo, Negreira, Santiago de Compostela, Padrón, A Estrada, Noia, Lugo, Carballo, Boqueixón, Porto do Son, Silleda, Vilagarcía de Arousa, Ordes e da comarca do Barbanza.
No tocante ao desenvolvemento do xogo, en todas as categorías os equipos estarán divididos en tres grupos. Así, primeiro disputarase unha fase de liga, na que os equipos de cada grupo se enfrontarán entre si. De seguido, o primeiro e segundo clasificado de cada grupo clasificaranse para a fase final, mentres que os terceiros clasificados xogarán a fase de consolación. A fase final xogarase a través de eliminatorias directas ata chegar a final de cada categoría.
Asemade, a entrega de premios de cada categoría realizarase ao remate de cada xornada. Se ben as xornadas do xoves, venres e sábado desenvolveranse de mañá e de tarde, a competición da categoría biberón do domingo celebrarase só de mañá. Por este motivo, espérase realizar as entregas de trofeos das tres primeiras categorías pola tarde, ao remate das finais, mentres que a da categoría biberón terá lugar a partir das 13.45 aproximadamente.