Pestanas principais

A vida baixo a auga será a protagonista da última sesión de VéV organizada esta fin de semana pola Aula da Natureza e a OMIX de Ames

Martes, 21 de maio de 2019

A Aula da Natureza de Ames pon fin á súa programación de primavera este sábado, 25 de maio, coa última sesión do bloque Vida baixo a auga, que nesta ocasión xirará en torno ao mergullo con botellas. A actividade, organizada en colaboración coa OMIX, estará destinada a mozos e mozas de 13 a 18 anos. Durante a xornada, os/as participantes recibirán unha charla explicativa sobre o mergullo e o material necesario para realizalo, coñecementos que porán en práctica nunha inmersión que terá lugar na praia de Cabío. A actividade será supervisada polos instrutores do Club Palmira Scuba, e contará con servizo de autobús dende Bertamiráns e Milladoiro. Para ocupar algunha das prazas que quedan libres será necesario inscribirse na actividade antes das 14.00h do venres enviando a ficha de inscrición cuberta ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

A Aula da Natureza continúa a desenvolver actividades no marco do programa VéV, deseñado para amosar que na natureza a vida e a variedade van da man. Así, este sábado realizarase a última actividade do bloque Vida baixo a auga, co nome Bautismo de mergullo con botellas, que rematará o camiño iniciado polo obradoiro e a sesión de mergullo a pulmón celebrados na primeira fin de semana de maio. Nesta ocasión, a actividade irá dirixida a unha vintena de mozos e mozas de entre 13 e 18 anos interesados en coñecer a vida nas profundidades das rías galegas. Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Aula da Natureza e a Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames.

Na praia de Cabío, as e os rapaces poderán coñecer os fondos mariños galegos e as formas de vida que neles habitan mediante unha actividade apaixonante como é o mergullo con botellas. Durante a mañá do sábado, as/os participantes poderán ver de primeira man bosques de laminarias, habitantes das augas salgadas galegas como polbos e sepias, ou mesmo poderán presenciar como abren moluscos as estrelas de mar ou seguir bancos de pequenos peixes que habitan nas costas galegas.

A xornada comezará ás 09.30h na parada da Praza do Concello de Bertamiráns, de onde sairá un autocar que tamén pasará pola Casa da Cultura do Milladoiro. A continuación, o autobús dirixirase directamente á base náutica do Club Palmira Scuba, onde tanto o equipo de instrutores como a rapazada realizarán unha pequena presentación, trala que se desenvolverá unha charla explicativa sobre as cuestións esencias que deben terse en conta no mergullo con botellas e un recoñecemento do material e o equipo para desenvolver esta actividade.

De seguido, todo o grupo será trasladado á praia de Cabío, onde os mozos e mozas iranse introducindo nas augas da zona para poñer en práctica o aprendido ao comezo da mañá. O mergullo realizarase en pequenos grupos, polo que a rapazada ira alternando a entrada na auga coa recollida e reciclaxe dos plásticos que vaian aparecendo durante a xornada. A actividade finalizará ás 17.00 horas, cando se emprenderá o camiño de volta a Ames.

Variedade é vida – Vida é variedade (VéV)
Esta iniciativa ten como obxectivo amosar que a vida e a variedade están unidas de maneira intrínseca. Así, a variedade xenética e a adaptación que os seres vivos realizaron e realizan ao longo de miles de anos ten como resultado as especies que hoxe conviven no noso planeta, nunha gran variedade de condicións e ecosistemas. Así, esta iniciativa busca non só que os participantes se acheguen á natureza, senón tamén axudalos a reflexionar sobre a necesidade de aceptar a variedade no senso máis amplo da palabra para conseguir acadar o 100% das posibilidades de vida, ao mostrar que a variabilidade xenética é motor da evolución.

Con esta finalidade, nos últimos meses meses desenvolveronse tres bloques temáticos ao abeiro do programa VéV, cada un deles estruturado en dúas partes: por unha banda un obradoiro que se desenvolveu na Aula da Natureza e, por outra, unha saída didáctica para ver de primeira man o aprendido na sesión teórica. Os bloques consistiron en Vida a baixas temperaturas, Vida a altas temperaturas e Vida baixo a auga.

Inscrición previa
Para participar na actividade Bautismo de mergullo con botellas é necesaria a inscrición previa. Así, a solicitude de praza deberase facer enviando a ficha que se pode atopar baixo o apartado de descargas desta nova ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal antes das 14:00h do venres 24 de maio. Pódese obter máis información sobre as iniciativas organizadas pola Aula da Natureza do Concello de Ames chamando ao número de teléfono 660 00 46 65, en horario de 9:00h a 14:00 horas.

A vida baixo a auga será a protagonista da última sesión de VéV organizada esta fin de semana pola Aula da Natureza e a OMIX de Ames