[05-11-2016] O 17 de novembro a concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade pon en marcha a VI edición das Xornadas Acércate: Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá pola mañá tres charlas e unha mesa de debate, e catro obradoiros pola tarde. A inscrición está aberta e pódese facer a través do formulario da páxina web acercateaigualdade.com .
O Concello de Ames celebra este mes a sexta edición das xornadas de igualdade e prevención da violencia de xénero. A participación está aberta a todo o público interesado e a asistencia é de balde, aínda que as prazas son limitadas polo que se recomenda reservala con antelación. Para inscribirse só hai que completar o formulario da páxina web desta iniciativa. Pola mañá, no Bloque I, ofrécense 100 prazas, así como os obradoiros B do Bloque II, mentres que os A do mesmo bloque só contan con 25 prazas cada un. Pódese escoller ou participar en ambos bloques. Aquelas persoas que o desexen poden solicitar ademais un diploma que acredite a súa participación nas charlas da mañá.
As actividades do Bloque I comezarán a primeira hora da mañá no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Ás persoas participantes entregaráselles ademais da acreditación unha libreta, un bolígrafo e un programa. Entre as 9:00 e as 13:00 horas terán lugar as charlas “A prevalencia do dereito á dignidade nas relacións humanas”, coa relatora e Valedora do Pobo Milagros Otero, “Xénero e política da representación: muller, violencia e poder”, que impartirá a catedrática de Comunicación Audiovisual, directora cinematográfica e mestra na USC Margarita Ledo, e “O tratamento penal da violencia de xénero: logros e retos”, que contará coa presencia da xuíza titular do Xulgado da Violencia sobre a Muller nº 2 de Barcelona Francisca Verdejo.
Ás 13:00 horas participarán nunha mesa de experiencias sobre a labor xudicial e a coordinación na atención na vítima Ana Rodríguez, xuíza do Xulgado de Instrución nº 3 de Ferrol, Aranzazu San José, coordinadora da Fiscalía e Fiscal de Violencia de Xénero en Santiago de Compostela, e Patricia López, coordinadora da Quenda Especial de Violencia de Xénero. Ao remate, en torno ás 14:30 horas, repartiranse os diplomas acreditativos ás persoas que os solicitaron.
Pola tarde o público poderá escoller dous dos catro obradoiros organizados pola Concellaría. Na primeira parte, que terá lugar entre as 16:00 e as 17:30 horas, terán que elixir entre a opción A “Sexualidade e bo trato:estratexias para o benestar”, da sexóloga Martina González, e a B “Regulación persoal e mindfulness: a atención plena”, con Susana Mosquera, psicóloga e experta en técnicas de xestión do estrés e da ansiedade. Na segunda, que se desenvolverá entre as 17:30 e as 19:30 horas, poderán asistir ao obradoiro A “Rosa ou azul?: Unha educación á marxe dos estereotipos de xénero”, coa mestra e doutora en Filoloxía Inglesa Alba Alonso, ou ao B “Como desenvolver a nosa autoconfianza: o liderado persoal” coa coach persoal e executiva Patricia Rodríguez.
As anteriores edicións desta xornada incluían un día a maiores no que participaba o alumnado dos centros públicos de educación secundaria. Desta volta decidiuse realizar as charlas nos propios centros, facéndoas coincidir co Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, que se conmemora cada 25 de novembro.




