Pestanas principais

A VI Feira do Monte contará con 29 expositores e novas actividades para a rapazada no Monte Miúdo

Luns, 26 de outubro de 2026

O Concello de Ames presentou esta mañá a sexta edición da Feira do Monte, Tanto Monte, que se celebrará os días 14 e 15 de novembro no campo da festa da parroquia de Trasmonte, co obxectivo de poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte. Será un escaparate excepcional dos oficios e dos produtos vinculados ao monte. Nesta edición contarase con máis espazo para acoller aos 29 expositores participantes e cunha nova iniciativa, o Monte Miúdo, que contará cunha ampla programación de actividades para os nenos e nenas. Contarase con degustacións gastronómicas, actuacións musicais, exhibicións, unha mostra de cogomelos, faladoiros e obradoiros. Ademais, haberá servizos de polbería para comer e cantina a cargo da Asociación de Veciños de Trasmonte. 

A Feira do Monte, Tanto Monte, xa é unha das actividades habituais da programación de outono do Concello de Ames. Pouco a pouco foi medrando e xa chega a súa sexta edición. Deste xeito, un ano máis o campo da festa de Trasmonte acollerá este evento que nesta edición se desenvolverá ao longo de dúas xornadas, o sábado 14 de novembro, de 11.00 a 19.30 horas, e o domingo 15 de novembro, de 11.00 a 15.00 horas. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor o monte e os produtos e derivados que este nos ofrece.

Este ano increméntase o espazo da feira para acoller 29 expositores que ofrecerán produtos de coiro, mel, queixos, porco celta, cerámica artesanal, artesanía, solucións forestais sostibles, fungos, arte en papel, aceites, produtos de fiado e tecido de la, licores, colares, cestos, sombreiros, maquinaria forestal, artesanía en madeira, queixos de cabra artesás, cosmética natural, cestería de medula, doces de outono e mel artesá de flores de alta montaña. Tamén haberá expositores que se dedican ao traxe tradicional e cubeiros.

A presentación do evento, que tivo lugar esta mañá, contou coa asistencia do alcalde e concelleiro de Turismo, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda; e maila técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure. 

O alcalde e concelleiro de Turismo, Blas García, dixo que “de cara a futuras edicións xa temos que comezar a pensar en buscar máis espazos para que esta feira siga medrando. O espazo no que se fai en Trasmonte é o axeitado, pero agora que a feira xa está consolidada, hai que seguir ofrecéndolle á veciñanza de Ames e ás persoas que nos visitan, novas actividades arredor do monte”. Ademais, destacou a importancia desta iniciativa para o Concello de Ames “sobre todo para amosar a identidade do noso concello. É unha feira que forma parte xa do noso patrimonio cultural, e que ademais funciona coma un encontro interxeracional, que mestura tradición e futuro do concello de Ames e de todos aqueles concellos da contorna que participan”, sinalou.

“Ao longo dos anos fomos dando pasos para que esta se converta nunha feira que sirva de encontro para todas aquelas persoas que quixeran vir a visitarnos. É un encontro que combina tradición e futuro porque inclúe as raíces, as tradicións, a cultura popular, a música, e algo moi importante como é a gastronomía. E todo iso forma parte da idiosincrasia do noso concello, e é por iso que comezamos a facer esta iniciativa”, apuntou.

“E serve tamén para algo moi importante, que é facer comunidade, empezando pola xente de Trasmonte, a xente do concello, pero tamén para que a xente da contorna nos visite, fomentando a convivencia e a comunidade. Tamén é importante para algo que nos interesa moito, que é a economía do concello e a promoción económica. Moitos dos expositores son veciños de Ames, que mostran distintas actividades, e aos que esta iniciativa lles axuda a dar a coñecer os seus traballos, tanto na hostalería, gastronomía e artesanía. E logo tamén toda esta xente que nos visita, están consumindo no noso concello, co cal, é importante”, destacou Blas García.

Terminou sinalando que “o que eu máis valoro desta feira é que fai que en Ames nos sintamos orgullosos das nosas raíces, de toda a tradición e historia que temos. Algunhas veces parece que somos un pobo que naceu a finais dos 90 ou nos 2000 co auxe urbanístico, pero Ames é un concello con moita tradición, cultura e historia. Debemos traballar porque os veciños e veciñas se sintan orgullosos e orgullosas de ser de Ames, e con esta feira seguro que o estamos conseguindo”.

Feira incluída no circuíto de feiras de Galicia
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, sinalou que  “durante este mandato cumprimos varios dos obxectivos que nos marcamos coa Feira do Monte como é a aposta polo rural. Moita xente non entendía como non facíamos esta feira no Milladoiro ou en Bertamiráns, pero sempre apostamos por facela en Trasmonte, porque o rural tamén merece esta oportunidade e poder organizar este evento. Outros dos obxectivos cumpridos foi incluír esta feira no circuíto de feiras de Galicia e que os expositores se interesasen en participar na Feira do Monte. Nesta edición o que fixemos foi enviar unha convocatoria e foron os propios expositores os que solicitaron participar na feira”.

Javier Antelo tamén destacou que “as principais novidades é que contamos cunha carpa máis grande, que ten máis espazo para poder acoller os 29 expositores que participan, e mailo Monte Miúdo, unha nova iniciativa que está dirixida á rapazada de Ames. Este é un atractivo máis que as familias acudan a feira cos seus fillos e fillas. Ademais haberá espazo para a gastronomía con servizo de polbería para comer, degustacións dos expositores e organizadas polo Concello, e unha food truck de Sicilia in Bocca, que estará os dous días”.

Monte Miúdo
Unha das principais novidades é Monte Miúdo, unha iniciativa dirixida á cativada amesá. Trátase dun programa especial dirixido a que todos os nenos e nenas do concello sintan atracción por todas aquelas cousas que veñen do monte. Organizarase unha tarde de xogos tradicionais, feitos con madeira e cordas, e tamén haberá xogos de equilibrio, destreza, de pensar, e haberá música coa orquestra Phantasma. Ademais, os rapaces e rapazas poderán participar en obradoiros de queixo e de teares vexetais, na que en lugar de tecer con fíos se tecerán plantas, herbas, follas e outra vexetación.
 
Os rapaces e rapazas tamén poderán participar na actividade A busca do Lobo, a cargo da Asociación de Amigos do Lobo. Trátase dunha busca dun tesouro ao longo do campo da festa de Trasmonte, mentres que os nenos e nenas irán descubrindo e coñecendo as costumes e o xeito de vida dos lobos. Os cativos e cativas tamén poderán participar nun obradoiro de cantagalos, impartido por Luís do Río, e noutro obradoiro de estampado de cadernos a cargo de Amor ao Teu.

Faladoiros e obradoiros
A técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, dixo que este ano contarase con importantes novidades e cunha maior participación. “Estamos xa preparando esta VI Feira do Monte que contará con moitas novidades, máis expositores, e con moito ánimo, coma sempre. O bo é que se vai afianzando cos anos e que imos medrando tanto en expositores como en actividades”, sinalou.

“O sábado 14 de novembro teremos un obradoiro de cesaría e unha charla a cargo de Luís do Río sobre a cestaría artesanal en Galicia. Tamén haberá un obradoiro sobre os primeiros pasos para tecer. O domingo 15 de novembro teremos a Nuska Chousa, coñecida en redes, que nos vai falar de cousas da horta e da terra”, engadiu. Ademais, destacou que, debido á demanda e interese dos anos anteriores, este ano haberá unha exposición de cogomelos durante toda a feira, cunha charla o sábado pola tarde, a cargo de Jaime  Blanco, Asociación Brincabois.

Por outra banda, haberá exhibicións do proceso de fiado e tecido de la de ovella galega, de cestería; e exhibicións a cargo de cubeiros, dun lutier, e dun torneiro. Tamén se contará cunha exposición de cogomelos os dous días da feira, actuacións de música tradicional, a cargo de grupos de Ames, e degustación gratuíta de castañas asadas.

Degustación de produtos gastronómicos
A técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure, falou da parte gastronómica da feira, que sinalou coma un “elemento identitario desta iniciativa. Por terceiro ano consecutivo contaremos coa pulpería Guerra, con racións de polbo, carne ao caldeiro, churrasco e bica. Estará os dous días, o sábado e o domingo. Tamén durante ambos días estará aberta a cantina a cargo da Asociación de Veciños de Trasmonte, que tamén ofrecerán castañas de balde”, explicou.

“En canto ás degustacións, o sábado 14 imos ter fabes con cogomelos, a cargo do restaurante Onde Keiras de Bertamiráns, ás 12.30 horas. A cargo de Discarlux, ás 13.30 horas teremos as mini hamburguesas, que xa son tamén un elemento tradicional co que contamos todos os anos. Ás 17.00 horas, Dolci e Bambini ofrecerá piruletas de outono, e para pechar o sábado, ás 18.00 horas, haberá degustación de chicharróns de porco celta a cargo de CienPorcel”, adiantou.

“O domingo contaremos cun showcooking a cargo de José Manuel Mallón, ofrecido polo GDR ás 12.00 horas. E á 13.30 horas, haberá pizzas de outono a cargo de Sicilia in Bocca”. Ademais, engadiu que “tamén teremos actuacións musicais tanto o sábado como o domingo, e tamén realizaremos o domingo a entrega de premios do concurso de fotografía Enfoca Ames”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames mira a su rural con la sexta Feira do Monte, una cita  que «fai comunidade"

El Correo Gallego: "Ames reivindica sus raíces y tradiciones con la VI Feira Tanto Monte"

 A VI Feira do Monte contará con 29 expositores e novas actividades para a rapazada no Monte Miúdo

Multimedia

  •  A VI Feira do Monte contará con 29 expositores e novas actividades para a rapazada no Monte Miúdo
  •  A VI Feira do Monte contará con 29 expositores e novas actividades para a rapazada no Monte Miúdo
  •  A VI Feira do Monte contará con 29 expositores e novas actividades para a rapazada no Monte Miúdo
  •  A VI Feira do Monte contará con 29 expositores e novas actividades para a rapazada no Monte Miúdo
  •  A VI Feira do Monte contará con 29 expositores e novas actividades para a rapazada no Monte Miúdo
  •  A VI Feira do Monte contará con 29 expositores e novas actividades para a rapazada no Monte Miúdo
  •  A VI Feira do Monte contará con 29 expositores e novas actividades para a rapazada no Monte Miúdo