Pestanas principais

Vero Boquete recibiu en Ames o premio de mellor xogadora galega 2014/15 na III Gala do Fútbol Feminino Galego

Martes, 05 de xaneiro de 2016

[05-01-2016] O pasado sábado, 2 de xaneiro, a Revista do Fútbol Feminino Galego, en colaboración co Concello de Ames e a participación do F.C. Meigas, organizou a III Gala do fútbol feminino galego. A Gala superou todas as expectativas de asistencia. Máis de 170 persoas encheron o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para homenaxear o traballo das xogadoras na pasada temporada. O premio de mellor xogadora galega da temporada 2014-2015 foi para Verónica Boquete Giadáns “Vero” polo papel desenvolvido no FFC Frankfurt, co que gañou a Liga de Campións en 2015, e por ser a primeira xogadora galega de fútbol en disputar un Mundial.

Premio á mellor futbolista galega da Segunda española
Aí creceu a expectación porque chegaba outro dos momentos importantes da noite, cando Catuxa García, concelleira de Medio Ambiente, abriu o sobre no que se desvelaba o nome da mellor futbolista galega da categoría. De novo El Olivo, como acontecera na pasada edición con Anair, era o equipo da premiada. Sarita Tui, ausente por atoparse en Tenerife preparando o reinicio da Liga de Primeira División co Granadilla, foi a galardoada dun premio que recolleu o seu anterior técnico, David Ferreiro, no seu nome.

Nos premios globais volveu estar presente El Olivo. Camilo Pais, o seu presidente, ergueu por segundo ano consecutivo o polígono de cristal que levaba inscrito o nome do seu equipo. E tamén por segunda vez consecutiva, como na pasada edición en Tomiño, o Conxo gañou o trofeo como equipo máis deportivo galego. Inma Castañón, representada por Pili Neira, foi homenaxeada coa lembranza aos seus logros co Karbo e a selección galga absoluta nos anos setenta e oitenta. Unha impresionante traxectoria histórica.

Só faltaba por desvelar a última incógnita da noite. O concelleiro Javier López encamiñouse ao atril para abrir o terceiro segredo no que se atopaba o nome de Marcos Canle. O ex do Bértola continuaba o ronsel deixado por David Iglesias na campaña anterior, proclamándose mellor técnico galego 2014/15 do fútbol feminino.

Premio á mellor xogadora galega da temporada
Os dous últimos trofeos da noite tiñan un claro arrecendo mundialista. Yolanda Parga, representada polo asistente galego en activo con máis anos na Primeira División, Alfonso Costoya Rodríguez, foi designada mellor colexiada da temporada e, finalmente, o trofeo de mellor xogadora galega foi para unha das mellores do mundo, Vero Boquete. A santiaguesa recibiu o premio das mans do alcalde, José Miñones, e nunha alocución seguida con moita atención polos asistentes, puxo o ollar no futuro, nun futuro de esperanza e de progreso para o fútbol feminino galego, en particular, e español en xeral.

Durante o acto, Gracia Pérez, da Revista do Fútbol Feminino Galego, entregou obsequios ao F.C. Meigas pola súa colaboración na realización do evento, e ao Concello de Ames, na persoa do alcalde, polo patrocinio da Gala.

Ademais dos citados, o alcalde José Miñones, a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, e o concelleiro de Ciudadanos, Javier López, outros membros da corporación, nomeadamente, Luísa Feijoo, concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Blas García, concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Pilar Candocia e Roberto Amarelle, concelleiros de Ames Novo, e Ramón García Argibay, de Pacto x Ames, repartíronse intermitente as funcións no reparto de trofeos.

O delegado saínte da FGF en Santiago, Enrique Fernández Otero, “Quico”, foi quen entregou o premio da deportividade ás súas veciñas do Conxo. A Gala tamén contou coa presenza de Javier García, vicepresidente da FGF, e de Javier Rico, xerente da Fundación Deporte Galego.


Ames, co seu alcalde José Miñones acompañado por varios/as concelleiros/as do goberno e da corporación municipal, demostrou o por que queren ser un dos lugares de referencia do deporte feminino en Galicia.

A Gala comezou co protagonismo de Ángela, a gardameta do Arcadia, quen saíu ao escenario para recoller o trofeo que rexistraba unha marca espectacular: 1 só gol recibido nos 17 partidos xogados na pasada Liga no seu grupo de Segunda galega. O Victoria, un dos clubs con maior e coidada estrutura de base, estivo representado por unha das súas dianteiras con máis futuro: Tati Barcia. Os seus 44 goles para o filial conducírona ao premio destinado á mellor goleadora da Segunda galega.

O Tordoia foi o gran vencedor sumando recoñecementos na Primeira autonómica. Unha campaña fantástica tivo como resultado que a súa gardameta, Lucía, e a súa dianteira, Rebeca, sumaran os mesmos honores que na campaña anterior cando o equipo ascendera da Segunda galega, menos goleada e máxima goleadora, respectivamente. Sen embargo, o premio especial, o que designa á mellor futbolista da categoría, levouno a arousá Sara Pazos, outra das habituais nas seleccións galegas.

A quenda da Segunda española tivo unha case constante presenza de futbolistas de El Olivo. Salvo Anita González, a gardameta do Sárdoma, a liña defensiva estivo formada polas futbolistas da camisola verde. Drus e Loreto nos laterais e Andrea Mirón e Vicky polo centro, foron escollidas como as mellores defensas, o mesmo que Pauleta e Sarita na zona interior do centro do campo. Para as bandas, o fútbol galego falou que era a quenda do Friol. Dúas luguesas, Fany Varela, que cada ano ten o seu premio, e Lucía Pardo, xuntáronse no escenario para, xunto as anteriores, esperar a Natalia Sánchez (El Olivo) e a Eva (Friol) para completaren o mellor once da temporada entre os cadros galegos.

Despois sería a gardameta das olivas, Sheila, quen recibiu a ovación por ser a menos goleada do seu grupo na División de prata do fútbol español. A dianteira berciana, Eva Pérez, xa no escenario, fixo "dobrete" de trofeos porque o argumento de ser a dianteira centro ideal viña avalado por ser tamén a mellor goleadora do grupo con 23 goles.