Pestanas principais

Venres de teatro en Ames

Mércores, 29 de setembro de 2021

Un clásico da literatura infantil en formato de musical, “O libro da selva”, e unha comedia aceda para adultos compoñen a carteleira de teatro deste venres, 1 de outubro de 2021, en Ames. Avento Produccións representará unha versión de “El libro de la selva” de Rudyard Kipling ás 18:00 horas,  na Casa de Cultura de Milladoiro. Por outra banda, a compañía de Teatro La Quintana trae a Ames “O Premio”, unha distopía en forma de comedia que se representará ás 20:30 na Casa de Cultura de Bertamiráns. Ámbalas dúas obras encádranse no programa “Medra coa cultura” e están cofinanciadas polo AGADIC. As entradas  poden adquirirse xa na billeteira municipal.

“O libro da selva” é unha adaptación da afamada obra de Rudyard Kipling. A historia narra as aventuras de Mowgli, un neno perdido na selva india que adoptan o oso Baloo e a pantera Bagheera. A selva converterase no fogar de Mowgli, un fogar habitado por multitude de especies animais que a pesares das diferencias coñecen o significado do respecto, a tolerancia e a camaradería.

Avento Produccións fundamenta esta versión de “El libro de la Selva” na música e no baile. O espectáculo está dirixido a público familiar con nenos/as maiores de 6 anos. Representarase o venres 1 de outubro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Podes adquirir aquí as entradas para "O Libro da Selva".

Por outra banda, a compañía La Quintana trae a Bertamiráns “O Premio”, unha comedia aceda de tinguidura distópica que se representará na Casa de Cultura de Bertamiráns ás 20:30 do mesmo venres, día 1 de outubro.  "O Premio" fala da situación das persoas nun futuro próximo no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social son de tal xeito, que as persoas vense obrigadas a participar en “O Premio” como única fórmula de conseguir a felicidade.

O marco da historia é un reality en directo onde o público vota a quen merece levar o premio da súa vida: morrer logrando a fama. Todo por un “soño” que se resolverá con tres finais posibles en función do desexo do público.  Podes adquirir aquí as entradas para "O Premio".

Para a concelleira de Cultura, Natividade González “é moi importante manter cada curso unha actividade teatral constante tanto para nenos como para adultos; deste xeito fidelizamos un publico teatral no concello, ao mesmo tempo que contribuímos a que as novas xeracións medren adquirindo unha cultura de acudir e gozar do teatro”. 

O premio

Multimedia

  • O libro da selva