[12-12-2014] A novena edición do Festival de Maxia de Ames está a piques de comezar. O primeiro día de venda de entradas anticipadas o público esgotou as 330 localidades dispoñibles para asistir ás galas máxicas que terán lugar mañá sábado, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro e o domingo, á mesma hora, no Auditorio de Bertamiráns. Os propios días do evento haberá algúns pases á venda nas billeteiras.
No marco deste festival, a área de Cultura do Concello organizou un amplo programa con espectáculos para todos os públicos. Realizaranse obradoiros gratuítos para os máis pequenos e actuacións tanto en establecementos hostaleiros como baixo as carpas situadas na praza Manuel Murguía, en Milladoiro, e na praza da Maía, en Bertamiráns.
Os protagonistas desta edición serán os magos Rafa, Nuel Galán, G-Alexander, Brando e Silvana, Mag Marín e Dani Polo. A concelleira de Cultura, Eugenia Martín, cualificou de “éxito rotundo” a afluencia de público a este evento, que ten como obxectivo difundir e gozar da maxia. Martín destaca o alto nivel dos ilusionistas que acoden a esta xa tradicional cita coa maxia en Ames. Ademais, a concelleira asegura que este ano “a programación é mellor que noutras edicións e o público estaba ansioso por mercar os pases. Sempre se venderon moi ben, pero nunca con tanta rapidez”.
Espectáculos para todos os públicos en Milladoiro e Bertamiráns
Mañá a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá de 11:00 a 12:30 horas un obradoiro de maxia para nenos e nenas de entre 8 e 14 anos. A continuación terá lugar a coñecida como “Maxia de Preto”, que consiste en pequenas actuacións e xogos de maxia nalgúns establecementos hostaleiros. Así, na Cafetería Samarkanda (13:00 horas), no Bar Camden (13:30 horas) e na Cervexería Curmáns (14:00 horas) representaranse diferentes espectáculos para todos os públicos.
Pola tarde, a “Carpa do misterio” estará instalada na praza Manuel Murguía do Milladoiro, onde, entre as 16:00 e as 18:30 horas, haberá funcións cada trinta minutos. Por último, ás 18:30 horas, pequenos e adultos poderán gozar da “Gala máxica”, que presentará o Mago Rafa e contará coa participación de Nuel Galán, G-Alexander, Brando e Silvana, Mag Marín e Dani Polo.
O domingo a programación trasládase -mantendo os mesmos horarios- a Bertamiráns. Tras o obradoiro de maxia na Casa da Cultura, iniciarase a “Maxia de preto” no Mesón Carballeiro, a Cafetería Val da Mahía e o Asador Vacavella. Á tarde, a “Carpa do misterio” instalarase na Praza da Maía, e a “Gala máxica” celebrarase na casa da cultura.




