[15-11-2014] O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e coa colaboración do Servizo de Atención ao Migrante, puxo en marcha por décimo ano consecutivo os obradoiros de lingua e cultura galega. Baixo o lema “En galego, co teu acento”, esta iniciativa está dirixida a persoas procedentes de fóra de Galicia que viven en Ames, inmigrantes ou emigrantes retornados residentes no concello e a todas aquelas persoas que están interesadas en achegarse á lingua e á cultura galegas. Este venres, 14 de novembro, rematou o obradoiro que se impartiu no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e que contou con 15 usuarios de lugares tan diversos como Venezuela, Cuba, País Vasco, Valencia, León, Andalucía, Madrid e Tenerife. O concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, entregoulle os diplomas aos participantes. Ademais, o luns 17 de novembro comeza este mesmo obradoiro no Milladoiro, para o que aínda queda algunha praza dispoñible.
Obxectivos do obradoiro de lingua e cultura
A través desta actividade tamén se pretende fomentar o achegamento á cultura e a historia propias, incidindo dun xeito especial nas cuestións referidas ao Concello de Ames. Neste senso, proporciónaselle aos/ás asistentes ao obradoiro información sobre as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal.
Promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amiense dos e das participantes no obradoiro, pór en valor a multiculturalidade de Ames e promover o intercambio cultural son tamén obxectivos importantes destes obradoiros de lingua e cultura galega que se desenvolven en Ames por décimo ano consecutivo.
Obradoiro de lingua e cultura no Milladoiro
Por outra banda, no Milladoiro as clases impartiranse na Casa da Cultura desta localidade desde o 17 de novembro ata o 19 de decembro de 2014, os luns, martes, mércores e venres entre as 9:00 e as 10:30 da mañá. Nesta localidade xa hai 11 persoas inscritas, pero cómpre destacar que neste caso as inscricións poden tramitarse ata o propio día que comeza o devandito curso. Para inscribirse tan só é necesario pasar pola Casa da Cultura do Milladoiro o próximo luns ou chamar ao número de teléfono 981 884 991.
Os obradoiros impártense dun xeito práctico e ameno. Nas clases fanse actividades encamiñadas a facilitar aos asistentes poder entender e darse a entender en galego en situacións da vida cotiá ou conversar tranquilamente coas amizades. Ademais os participantes coñecen aspectos da xeografía, a historia e a literatura de Galicia.
Segundo explica a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, "Ames segue a ser un concello receptor de persoas que proveñen de moitos lugares do mundo e tamén o municipio ao que volven moitas persoas que fixeron a súa vida fóra e que durante anos non tiveron a oportunidade de ter contacto coa nosa cultura. Cremos que ofrecerlles a posibilidade de saber un pouco máis sobre a cultura e a lingua de Galicia pódelles axudar e facilitarlles a súa integración na nosa comunidade".
Os obradoiros de lingua e cultura, En galego, co teu acento, son un reflexo da riqueza multicultural do Concello de Ames que na actualidade conta no seu padrón con veciños e veciñas procedentes de máis de corenta nacionalidades. O obxectivo é que estas persoas que viven no concello pero que non naceron, non se criaron en Galicia ou non tiveron a oportunidade de achegarse á nosa lingua, acaden as nocións básicas para comprender e expresarse, tanto dun xeito oral como escrito, galego.
O obradoiro, que ten unha duración de 30 horas, é impartido pola técnica municipal de normalización lingüística. As clases do obradoiro que se impartiron no Pazo da Peregrina de Bertamiráns remataron este venres 14 de novembro. Nesta localidade participaron 15 persoas de lugares tan diversos como Venezuela, Cuba, País Vasco, Valencia, León, Andalucía, Madrid e Tenerife. O concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, entregoulle os diplomas aos participantes.




