Pestanas principais

Veciñas e veciños de distintas xeracións xuntáronse na I Festa do Millo do Concello de Ames

Martes, 24 de outubro de 2017

[24-10-2017] O pasado sábado 21 de outubro, o paseo fluvial de Bertamiráns acolleu unha actividade que non se tiña desenvolvido nunca antes no noso concello: a I Festa do Millo. Ao longo da tarde, entre as 16:30h e as 19:30h, houbo obradoiros de escanado, esfollado, debullado e crebado do millo. Tamén se realizou unha muiñada e un taller de peneirado de fariña. A xornada completouse cunha exposición de apeiros, así como con contos de muíño, música tradicional galega e degustación de flocos.

O de debullado foi o terceiro dos obradoiros en ser realizado o sábado. Nel, quitouse o gra da mazaroca ata deixar pelado o carozo. As persoas asistentes puideron ver cal era o xeito tradicional de facelo e a maneira na que as mazarocas se poden converter en xoguetes e outras construcións. No obradoiro de crebado separouse o millo bo dos restos e cachos de follas, pallas e grans mal formados.

Unha vez realizados estes obradoiros, tivo lugar a muiñada, que correu a cargo de dous veciños do concello, encargados de ensinar ás persoas asistentes o funcionamento do muíño. Quen acudiu a este obradoiro, tamén aprendeu a diferenciar a fariña boa, que é a que cae preto da pedra, da fariña para pitos, que é aquela que cae máis lonxe. Posteriormente, tamén houbo un obradoiro no que se peneirou a fariña pasándoa pola peneira.  

A primeira Festa do Millo estivo amenizada polas actuacións da Asociación Cultural Os Castros e de varias cantareiras. Tamén houbo contos de muíño e degustación de flocos de millo. Esta primeira Festa do Millo conseguiu xuntar nunha mesma actividade persoas das mais diversas idades: avoas e avós, nais, pais e crianzas que relembraron ou aprenderon xuntas os traballos vinculados a este cereal tan común na cultura galega.

A recolleita do millo é un dos traballos tradicionais do outono no agro galego. Por ese motivo, o Concello de Ames decidiu organizar, o pasado sábado 21 de outubro, unha xornada arredor deste cereal. Así, entre as 16:30h e as 19:30 horas, o paseo fluvial de Bertamiráns encheuse de persoas, algunhas caracterizadas como labregas, que quixeron coñecer un pouco máis a fondo os traballos vinculados ao millo.

A Festa incluíu unha exposición de apeiros: beso, grade, canizo, sementadora, sachadora, esfolladores, debulladora, atadores, cribas e peneiras (todos emprestados por veciñas e veciñas do rural amesá). As pezas de maior tamaño ficaron colocadas ao carón das “jaimas”, nas que se realizaron diversos obradoiros. Cada apeiro, estivo acompañado dun letreiro co nome e uso do mesmo. Ademais, a contorna e as “jaimas” estiveron decoradas con trenzas, medas e fachicos de millo.

O primeiro dos obradoiros en ser realizado foi o de escanado, consistente na separación das mazarocas das canas. A seguir, desenvolveuse o obradoiro de esfollado, no que se separaron, neste caso, as mazarocas das follas que as recobren, e que reciben o nome de poma ou panoia. Coas canas, fixéronse medas, pallotes, monllos e fachicos. As pomas ou panoias, pola súa banda, foron empregadas para a realización de pequenos xergóns e bonecas.