Pestanas principais

Veciñas e veciños de Ames procedentes de Venezuela, Brasil e República Dominicana están a participar no curso de esforzo de integración, encadrado no programa Ames Integra

Xoves, 26 de abril de 2018

[26-04-2018] O Concello de Ames, a través dos departamentos de Servizos Sociais, Promoción Económica e o Centro de Información á Muller, está a desenvolver a quinta edición do proxecto bianual Ames Integra. O proxecto, que está dirixido á poboación migrante extracomunitaria residente no termo municipal amesán, caracterízase polo seu carácter informativo e de integración socio-laboral. O programa contempla tres liñas de actuación, que inclúen as titorías personalizadas de inserción laboral, as accións de mediación intercultural e os cursos de integración. Actualmente, hai cinco persoas procedentes de Venezuela, Brasil e República Dominicana participando no curso de esforzo de integración.

A quinta edición do proxecto Ames Integra remata o vindeiro xuño, após nove meses de traballo intensivo en prol da integración das persoas migrantes extracomunitarias residentes en Ames. Incluído na Estratexia de Inclusión Social de Galicia (2014-2020), o programa está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Operativo FSE Galicia. O curso de esforzo de integración, que se inclúe neste proxecto, conta coa participación de cinco persoas orixinarias de Venezuela, Brasil e República Dominicana.

Cunha duración total de 48 horas, o curso, que comezou o 10 de abril, busca dar a coñecer ás persoas migrantes os valores fundamentais da nosa sociedade. Desta maneira, as persoas asistentes abordan, durante as tres semanas de duración do curso, cuestións tais como os valores constitucionais e estatutarios de Galicia e os valores da Unión Europea. Alén diso, o curso tamén ofrece contidos ligados ao eido dos dereitos humanos, ás liberdades públicas, á democracia, á tolerancia, á igualdade entre mulleres e homes e ao coñecemento do galego e do castelán. Unha vez finalizada a formación, as persoas participantes reciben un diploma acreditativo. 

Programa Ames Integra V
O Concello de Ames está a desenvolver actualmente a quinta edición do programa Ames Integra, cuxo obxectivo é mellorar as posibilidades de inserción das persoas migrantes, nomeadamente das mulleres en situación de desemprego. Do mesmo xeito, o programa tamén busca guiar ás persoas migrantes no proceso de regularización da súa situación administrativa. O proxecto nace da colaboración entre os departamentos de Servizos Sociais e Promoción Económica co Centro de Información á Muller.

Alén do curso de esforzo de integración, o programa Ames Integra inclúe otras dúas liñas de actuación: os itenarios de inserción laboral e a mediación intercultural. Os itinerarios de inserción laboral consisten en titorías individualizadas con aquelas persoas beneficiarias que estean na busca de emprego. Estas titorías poñen o foco, especialmente, nas políticas de igualdade de xénero e no empodarmento das mulleres no mercado laboral. Neste 2018, están a asistir a estas tutorías 10 persoas, mentres que no 2017 beneficiáronse delas 5 veciñas e veciños de Ames procedentes de países extracomunitarios.

O servizo de mediación intercultural, pola súa banda, comprende a acollida das persoas migrantes recén chegadas ao concello e o seu asesoramento en materia de trámites e axudas. Así mesmo, este servizo tamén inclúe o acompañamento en diferentes situacións das persoas que así o requiran, actuando asemade nos centros educativos cando estes o solicitan. No 2017 demandaron este servizo cinco persoas, mentres que no 2018 estímase que o farán cerca de 20. 



Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Ames vuelve a apostar por la integración"