Pestanas principais

A veciñanza de Biduído celebra as súas festas patronais durante a próxima semana

Sábado, 13 de agosto de 2011

[13-08-2011] Os días 15, 16 e 17 de agosto celebrase na parroquia de Biduído as festas en honra a Nosa Señora, festividade que se organiza cada ano nesta localidade amiense. Co remate das festas da Peregrina en Bertamiráns, os e as amienses poden gozar durante a próxima semana doutro evento festivo máis, as festas de Biduído. Unhas festas onde haberá música para bailar e divertirse, así como varios actos relixiosos.

Nos tres días que dura esta festividade celebrarase unha misa solemne e posteriormente unha procesión na honra da Nosa Señora. O luns 15 de agosto, tras os festexos relixiosos terá lugar unha sesión vermouth a cargo da orquestra Soprano, grupo de música que se encargará tamén pola noite de encher de luces e son a primeira xornada das festas.

O martes a sesión vermouth correrá a cargo do Trío Alba que pretende que os veciños de Biduído non deixen de danzar tanto na sesión da mañá como tamén durante a verbena nocturna. Por outra banda, o mércores 17 de agosto rematarán as festas de Biduído coa actuación final da orquestra Naranja, que co seu repertorio musical quere que todas aquelas persoas que asistan as festas gocen e se entreteñan como nunca.

Dende a comisión de festas de Biduído agradecen a participación de todos aqueles veciños e empresas que coa súa colaboración fixeron posible a realización das festas e invitan a que os e as amienses non falten "ningún día" a este evento festivo no que o divertimento estará asegurado.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Fiestas de Nuestra Señora en Biduído"
El Correo Gallego: "La parroquia amiense de Biduído celebra Santa María"