Pestanas principais

A veciñanza de Ames realizou un total de 1.391 doazóns ao longo de 2012

Mércores, 24 de abril de 2013

[24-04-2013] Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o ano 2012 en Ames rexistráronse un total de 1.391 doazóns de sangue, o que supón un incremento do 10% na participación con respecto ao ano 2011. A taxa de doazón rexistrada foi de 47 doazóns por cada 1.000 habitantes. Para seguir incrementando os datos de participación a localidade de Bertamiráns recibirá a unidade móbil de doazón esta semana. Estará na avenida da Maía (diante da Praza) este xoves 25 e o venres 26 de abril, en horario de 15:30 h e as 21:00 horas. Previamente, a semana pasada a unidade móbil estivo os días 18 e 19 no Milladoiro.

O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia realizan todos os meses varias campañas de doazón de sangue nas localidades amienses. Normalmente, a unidade móbil de doazón de sangue visita cada mes o Concello de Ames co obxectivo de intentar facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadáns amienses. As localidades que acollen a unidade móbil de doazón soen ser O Milladoiro, Bertamiráns, Biduído, a urbanización de Aldea Nova e o Polígono Novo Milladoiro. Estes tres últimos lugares establecéronse como puntos de doazón dende o ano 2011.

Segundo se desprende dos datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o ano 2012 en Ames rexistráronse un total de 1.391 doazóns de sangue. Isto supón un incremento de 130 doazóns (un 10%) respecto ao 2011, xa que durante ese ano houbo un total de 1.261 doazóns. A taxa de doazón rexistrada en 2012 foi de 47 doazóns por cada 1.000 habitantes, mentres que a taxa de 2011 foi de de 43 doazóns por cada 1.000 habitantes. Polo que houbo un incremento de 4 doazóns por cada mil habitantes.

Dende o ano 2003 o número de doazóns foi medrando de xeito considerable. Deste xeito pasouse das 348 doazóns do ano 2013 ás 1.391 rexistradas o pasado ano. Tendo en conta os datos entre os anos 2003 e 2011 experimentouse un incremento do 262%. O número de doazóns detallado por anos foi 348 doazóns en 2003; 448 en 2004; 509 en 2005; 520 en 2006; 442 en 2007; 893 en 2008; 897 en 2009; 1.019 en 2010; 1.261 en 2011; e 1.391 en 2012.

Por outra banda, hai que destacar que as localidades con maior número de doazóns durante o ano 2012 foron Milladoiro cun total de 702 e Bertamiráns con 682.

Campañas de doazón durante o mes de abril
Neste mes de abril continúan as visitas da unidade móbil de doazón ao termo municipal de Ames. A localidade de Bertamiráns recibirá a unidade móbil de doazón esta semana. Estará na avenida da Maía (diante da Praza) este xoves 25 e o venres 26 de abril, en horario de 15:30 h e as 21:00 horas. Previamente, a semana pasada a unidade móbil estivo os días 18 e 19 no Milladoiro.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "1.391 doazóns de sanguie no 2012 en Ames"