[05-07-2017] Arranxos de camiños e lavadoiros, acondicionamento de locais sociais, paneis informativos nas aldeas, obras de accesibilidade... 186 propostas foron presentadas pola veciñanza no primeiro proceso de Orzamentos Participativos que pon en marcha o Concello de Ames. Previamente, o Goberno mantivo xuntanzas nos locais das once parroquias que compoñen o territorio municipal para dar a coñecer o proceso e designou a Comisión de orzamentos participativos que, composta por membros do goberno, persoal técnico municipal e representantes das diferentes asociacións veciñais, fixo unha primeira selección de propostas en base a súa viabilidade legal, técnica e orzamentaria. A Comisión de Orzamentos Participativos (COP), reunirase mañá xoves, 6 de xullo, para dar a coñecer, analizar e facer unha valoración das propostas seleccionadas.
O pasado día 18 de maio o goberno de Ames, a través da Concellaría de Economía e Facenda, presentou a nova iniciativa de Orzamentos Participativos para 2017, unha proposta que supón a participación e implicación directa da veciñanza amesá no proceso de decisión do destino de parte dos recursos municipais.
Ao longo de 3 semanas, durante os meses de maio e xuño, desenvolvéronse xuntanzas nos distintos locais sociais das 11 parroquias do Concello para dar a coñecer o proceso. Nestas experiencias entre a veciñanza e os membros do goberno, cun resultado moi satisfactorio, pois participaron preto de 200 veciñas/os das distintas parroquias.
Unha vez finalizadas ditas xuntanzas abriuse o prazo de presentación de propostas desde o 9 de xuño até o 23 de xuño. O 16 de xuño constituíuse a Comisión de Orzamentos Participativos (COP) que quedou formada por representantes veciñais e membros do goberno, órgano colexiado encargado da valoración, selección e seguimento da execución das propostas. María del Carmen Lemos, representante da parroquia de Covas e Genma Uria, concelleira de Economía e Facenda, foron elixidas por unanimidade presidenta e secretaria respectivamente da devandita Comisión.
Unha vez rematado o prazo, contabilizáronse 186 propostas veciñais. Os técnicos estudarán agora a viabilidade técnica e legal e unha vez ditaminado, a COP procederá a valorar as propostas tendo en conta os criterios de preferencia establecidos nas bases.
Todas as parroquias, agás Agrón, presentaron propostas nas que se solicitan actuacións variadas e as veces coincidentes nas distintas parroquias. A veciñanza pide arranxos de camiños e lavadoiros, acondicionamentos de locais sociais, paneis informativos nas aldeas e melloras de accesibilidade.
Mañá xoves, 6 de xullo está convocada a Comisión de Orzamentos Participativos no Pazo da Peregrina ás 21:00 h para unha xuntanza de presentación, análise e valoración inicial das propostas presentadas.
“Esperamos poder contar canto antes cos proxectos para poder levar a cabo os investimentos durante o último trimestre do ano”, manifesta o alcalde de Ames, José Miñones, que tamén engade a súa satisfacción pola participación dos veciños e veciñas do rural no proceso: “foi todo un éxito e agradezo as múltiples aportacións realizadas”
Pola súa banda, Genma Otero, concelleira de Economía e Facenda tamén manifesta o seu contento pola presentación das 186 propostas veciñais: “Sabemos que os procesos participativos son novidosos é hai que traballar moito para garantir unha alta participación, e neste caso o resultado foi bo e presentáronse iniciativas moi interesantes que haberá que estudar e valorar. Pero si teño que destacar o máis positivo deste proceso é ese contacto directo coa veciñanza onde se fai comunidade achegando as institucións a cidadanía e que se poida desenvolver un traballo conxunto a prol do ben común”.




