[01-03-2011] Este domingo tivo lugar a visita ao conxunto arqueolóxico e natural de Santo Tomé organizado pola Aula da Natureza do Concello de Ames. A actividade, que incluíu unha visita ao Museo Arqueolóxico de Ourense, viuse completada cun xogo de xeocaching. As persoas participantes contaron con tres guías que foron dando a coñecer as distintas épocas históricas aludidas e a influencia do medio nos primeiros asentamentos humanos e lles amosaron o conxunto de Santo Tomé. Esta excursión está enmarcada dentro do programa "Visita a espazos naturais de Galicia".
Vinte veciños e veciñas de Ames tiveron onte a oportunidade de percorrer unha das épocas máis míticas da historia de Galicia, a dos asentamentos castrexos e galaico-romanos. Con ese fin a Aula da Natureza organizou unha visita ao conxunto arqueolóxico e natural de Santo Tomé, preto da cidade de Ourense. Ao longo da xornada contouse con tres guías que axudaron ás persoas participantes a coñecer máis sobre este período histórico e a estreita relación coa natureza que mantiveron os primeiros poboadores de Galicia.
A visita comezou coa chegada ás 11:30 horas ao centro de Ourense, onde se uniron os guías ao grupo. A primeira parada foi o Museo Arqueolóxico da cidade, onde se puido contemplar unha exposición significativa a pesar de atoparse en restauración actualmente. A visita centrouse nos obxectos da época castrexa que se amosan alí, especialmente naquelas pezas procedentes do propio conxunto de Santo Tomé que o grupo se dispuña a coñecer.
A visita posterior foi unha metáfora de viaxe ao pasado pola cidade das Burgas. Así o grupo fixo un percorrido da zona máis moderna á máis antiga de Ourense, circulando despois polo paseo pola beira do Miño que leva á desembocadura do Loina. Pola beira deste río seguiuse un camiño que leva ata o Castro de Santo Tomé, situado nun alto. Antes de subir esa elevación fíxose unha parada na que o grupo descansou, xantou e repuxo forzas para a subida. Ao longo de todo o recorrido os guías foron informando de datos históricos e ambientais da zona.
Despois de xantar as persoas participantes chegaron ao conxunto arqueolóxico e natural de Santo Tomé, enclavado nun entorno de especial beleza pola presenza de masas de especies como aciñeiras e sobreiras, comúns nesta zona de transición entre a flora atlántica e a de tipo mediterráneo, e as vistas da cidade de Ourense. O castro amosa claras influencias da romanización, e constitúe un importante exemplo da cultura que floreceu en Galicia naquel tempo. No lugar organizouse un xogo de xeocaching, no que divididos en catro grupos e seguindo unha serie de pistas distribuídas polo lugar puido atoparse un tesouro: un recipiente pechado e hermético dentro do cal se atopan varios obxectos que outros visitantes foron depositando, e onde a Aula da Natureza puido deixar unhas palabras de saúdo a vindeiros xogadores que atopen a caixa.
A saída de regreso a Ames tivo lugar ás 17:30 horas, chegando ao concello sobre as 19:00 horas. A veciñanza que se achegou ata Ourense puxo así fin a unha xornada de coñecemento da nosa historia e medio natural, dunha forma lúdica que deixou bo sabor de boca. Na actividade xuntáronse persoas de todas as idades que puideron gozar así mentres aprendían máis sobre o pasado de Galicia e da propia cidade de Ourense.




