[23-01-2013] Dende a concellaría de Cultura teñen preparada unha programación repleta de teatro para a vindeira fin de semana. O venres 25 de xaneiro, ás 21:00, na Casa da Cultura do Milladoiro representarase a obra Allan a cargo do obradoiro de teatro de Muros, Aquelando Teatro. O día seguinte, o sábado 26 de xaneiro, as 20:00 horas, será a quenda para o grupo de teatro do IES de Ames que representa na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra “Con Fíos na Prata”. Estas dúas representacións de teatro afeccionado son de balde. Poderán acceder espectadores ata completar aforo. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro dispón de 150 butacas, mentres que no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns hai dispoñibles 216 cadeiras.
Esta fin de semana volve o teatro a Ames con dúas representacións a cargo do obradoiro de teatro de Muros e o alumnado do IES de Ames. A programación teatral comeza o venres, ás 21:00 horas, coa representación da obra Allan a cargo de Aquelando Teatro, o obradoiro de teatro de Muros. Esta obra de teatro, que está dirixida por Lucho Penabade, narra a historia de Allan que non dá creto a que Nancy dea o último portazo abandonando unha relación de anos. Aínda así, Allan pensa que tampouco se debería estar tan mal unha tempada só, sen ninguén. Contra o desexo de Allan, amigos, veciños e familiares ocuparanse durante un tempo en que a súa casa se converta nunha feira, e con tanto balbordo non é quen de cavilar no futuro que lle agarda.
O elenco desta obra de teatro está composto por Lola Barreiros Lestón, Ana Caamaño Fernández, Minga Fernández Caamaño, Bernardino Fernández Lloréns, Rosa Figueroa Lago, Dora Formoso Figueiras, Fran Formoso Figueiras, Fina García Lariño, Chus Lago Fernández, María Lloréns Varela, Helena San Nicolás Collantes e Gabriel Sestayo.
Representación do alumnado do IES de Ames
O sábado 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, será a quenda para o grupo de teatro do IES de Ames que representa na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra Con Fíos na Prata. Esta peza teatral está ambientada nun obradoiro de bordado dunha vila que lle abre as portas a todos os espectadores para compartir os sentimentos e conflitos que alí ocorren.
Nesta peza teatral participa o alumnado do IES de Ames que presentan a Dona Tareixa, a señora Carme, a siña Lionora, Noemí, Elsa, Sabeliña e Xoana. O elenco de actores e actrices está composto por Míriam López, Jessica García, Mariña Sampedro, Celia Enríquez, Antía Fernández, Laura Millet e Sabela Cadarso. O texto orixinal da peza pertence a Susa F. Lopo, que tamén se encarga da dirección da obra. Por outra banda da ambientación e dos arranxos musicais encargouse Luís Martínez Menéndez, mentres que o son da radio pertence a Nerea Montes e a luz é traballo de Beltrán Fernández.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "A veciñanza amiense poderá gozar dunha fin de semana chea de teatro"