[29-03-2014] O Concello de Ames conmemorou esta mañá o Día Mundial da Auga co lanzamento de máis de 3.000 bolas de arxila. A través desta iniciativa preténdese mellorar o fondo e a calidade da auga do río Sar ao seu paso por Bertamiráns. Ademais, no paseo fluvial de Bertamiráns instalouse unha carpa na que os nenos e nenas, así como os pais e nais puideron participar en diferentes obradoiros relacionados coa auga. Tamén houbo unha exposición sobre a bolboreta monarca, que está sufrindo cambios na súa migración debido aos efectos do cambio climático. Nestas actividades participaron a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar.
Durante o mes de marzo celébrase a conmemoración de tres importantes efemérides medio ambientais como son o Día Forestal Mundial, o Día Mundial da Auga e o Día Mundial da Meteoroloxía. Para conmemorar estas celebracións o Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, organizou un completo programa de actividades que xa comezaron a pasada fin de semana e que remataron este sábado, 29 de marzo, cun acto que se desenvolveu no paseo fluvial de Bertamiráns. A través desta programación de actividades, que se denominaron “Dálle vida ao Sar”, realizouse unha acción conxunta para mellorar a calidade ambiental do río Sar.
O acto central da programación do Día Mundial da Auga realizouse este sábado, 29 de marzo, no paseo fluvial de Bertamiráns. Un numero grupo de veciños e veciñas de Ames participaron no lanzamento de máis de 3.000 bolas de arxila con microorganismo eficientes nun tramo do río Sar duns 1.200 metros cadrados aproximadamente, para mellorar o fondo e a calidade da auga deste río. A través desta iniciativa preténdese mellorar a claridade da auga e que desapareza o fango do fondo do río Sar. As bolas lanzadas ao río irán desfacéndose durante os próximos meses. Ao tempo que se desintegran irán soltando uns microorganismos efectivos que provocarán a eliminación do fango e que medre unha capa vexetal de herba e algas tanto no fondo do río coma nas súas beiras.
Estas bolas de arxila foron elaboradas o sábado pasado nun obradoiro que tivo lugar na Aula da Natureza e no que participaron un grupo de 30 veciños e veciñas de Ames. Estes microorganismos eficientes quedaron fermentando na Aula da Natureza ao longo de toda esta semana para despois ser lanzados ao río Sar. Esta actuación ademais de afectar á zona na que se lanzaron as bolas de arxila tamén mellorará a calidade das augas río abaixo. Os microorganismos efectivos cambian a micro e macroflora dos chans, e melloran o equilibrio natural, de maneira que os chans con axentes patóxenos se converten en chans supresores de enfermidades.

Obradoiros relacionados coa auga
Por outra banda, no contorno do paseo fluvial de Bertamiráns impartíronse obradoiros relacionados coa auga. Tamén houbo unha exposición sobre a bolboreta monarca, que está sufrindo cambios na súa migración debido aos efectos do cambio climático.
Previamente, o venres 21 de marzo o Pazo da Peregrina acolleu unha charla-coloquio sobre a mellora das características físicas, biolóxicas e supresión de enfermidades dos fondos fluviais a través da aplicación de microorganismos efectivos. A través desta charla a veciñanza amiense coñeceu como actúan estes microorganismos nos lodos do río Sar.




Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames celebra el día del agua curando el fondo del río Sar"




