Pestanas principais

A veciñanza amiense participa na VI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” recollendo lixo nun tramo do río Sar

Domingo, 29 de setembro de 2013

[29-09-2013] O Concello de Ames participou este ano por primeira vez na limpeza simultánea “Móllate polos ríos”, que organiza a Asociación para A Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA). Durante a mañá deste domingo, 29 de setembro, moitos veciños e veciñas de Ames achegáronse ata o tramo do río Sar, que vai dende a Condomiña ata Sisalde, para recoller o lixo que había na marxe deste río. Cómpre destacar que este tramo do río Sar está encadrado na Rede Natura. Os participantes nesta iniciativa percorreron as beiras do río Sar recollendo todos aqueles refugallos que representan un perigo para o ecosistema e que supoñen un impacto visual negativo (papeis, plásticos, roupa, produtos sanitarios, botes, neumáticos, e incluso restos dun coche).

A veciñanza amiense participou na VI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” realizada durante a mañá deste domingo, 29 de setembro, en 41 concellos de toda Galicia. O Concello de Ames sumouse este ano por primeira vez a esta iniciativa posta en marcha pola Asociación para A Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA). Os veciños e veciñas de Ames, acompañados por unha técnica da Concellaría de Medio Ambiente, saíron ás 10:00 horas da Praza do Concello, situada en Bertamiráns, cara o tramo do río Sar que vai dende a Condomiña ata Sisalde.

Os participantes nesta iniciativa percorreron as beiras do río Sar recollendo todos aqueles refugallos que representan un perigo para o ecosistema e que supoñen un impacto visual negativo (papeis, plásticos, roupa, produtos sanitarios, botes, neumáticos, e incluso restos dun coche). Cómpre destacar que tiveron que recoller dende asentos dun coche ata botes de colirios. Moitos dos produtos que había nas marxes do río eran de pequeno tamaño o que dificultou e atrasou o traballo. Durante as tres horas de traballo recolleron unhas 10 bolsas de lixo aparte dos restos de coche atopados. Tendo en conta que en cada bolsa había arredor de 50 quilos de lixo, calcúlase que se recolleron arredor de 500 quilos de lixo.

Primeiro foron dende A Condomiña ata a depuradora de Sisalde. Unha vez alí depositaron nun contedor todo o lixo recollido nesta primeira fase. Tras un breve descanso continuou a limpeza de lixo polas beiras do río Sar entre a depuradora e o muíño de Sisalde. O lixo recollido foi meténdose en bolsas de plástico que posteriormente se depositaron nos contedores que se colocaron para esta iniciativa. Nesta recollida tamén se empregaron diferentes ferramentas coma rastrillos, palas ou fouciños.

Esta limpeza realizase no mes de setembro por ser a época máis idónea para facelo. O río é un ecosistema complexo que acolle multitude de especies diferentes de fauna e flora, desde minúsculos invertebrados e peixes ata grandes aves. Polo que é importante causar as menores molestias aos habitantes do río. A primavera e o comezo do verán é a a época na que cría a maior parte da fauna, polo que é recomendable facer a limpeza entre agosto e outubro, cando por outra banda os ríos levan menos auga e facilitan o traballo, evitando problemas.

O Proxecto Ríos
O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental subvencionado por Augas de Galicia e que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

A VI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrouse este ano en 41 concellos, e participaron un total de 51 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 7 concellos -entre os que estivo Ames- que organizaron directamente esta actividade. Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e outros son grupos participantes no Proxecto Ríos. Tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta sexta edición. Esta iniciativa mobilizou a numerosos voluntarios e voluntarias que se desprazaron aos ríos destes 41 concellos para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "La limpieza simultánea de los ríos moviliza a cientos de voluntarios en Terras"
La Voz de Galicia: "Limpieza de cara para el Sar"
El Correo Gallego: "A veciñanza amiense participa na VI Limpeza Simultánea Móllate polos ríos"