Pestanas principais

A veciñanza amiense celebrará o san Xoán durante esta fin de semana

Venres, 22 de xuño de 2012

[22-06-2012] Durante esta fin de semana varias parroquias de Ames celebran as súas festas patronais na honra de San Xoán. Haberá sardiñadas nos arredores da capela de San Xoanciño de Pousada e no lugar de Quinstiláns. Ademais, en San Xoanciño de Pousada haberá música a cargo do grupo de pandereteiras As Maianas de Ames e da Banda de Gaitas Son de Ames. A parroquia de Trasmonte celebra as súas festas na honra do Sagrado Corazón cunha misa cantada o domingo 24 de xuño. Así mesmo a parroquia de San Xoán de Ortoño celebra as súas festas patronais con diversos actos relixiosos e coa actuación dos Danzantes de Covas de Meaño. Ademais, moitos veciños e asociacións farán as súas cacharelas e sardiñadas para celebrar esta festividade. Este ano presentáronse un total de 160 solicitudes para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño.

Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de san Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que adoita acompañar. As comisións de festa e asociacións de veciños de Ames xa teñen preparadas as festas que van realizar con motivo do san Xoán.

A parroquia de San Xoán de Ortoño celebra as súas festas patronais con diversos actos relixiosos. Este actos comezan hoxe cunha misa polos defuntos da parroquia. Mañá, sábado 23 de xuño, haberá unha misa rezada, ás 10:00 h, e dúas horas e media despois, ás 12:30 h, realizaranse as primeiras comuñóns dos nenos e nenas da parroquia. Xa pola tarde, ás 20:00 h, haberá unha misa solemne na honra de san Xoán. Pero tamén haberá actuacións musicais xa que despois da misa actuarán os Danzantes de Covas de Meaño. Durante a noite do sábado ao domingo os veciños e veciñas desta parroquia farán a alfombra do Santísimo. Os actos relixiosos rematarán o luns, 25 de xuño ás 12:30 h, cunha misa na honra de santo Antonio.

En San Xoanciño de Pousada tamén celebran as súas festas patronais. Os actos festivos comezarán o sábado 23 de xuño cunha sardiñada que se desenvolverá, ás 10:00 h, nos arredores da capela de san Xoanciño. Para amenizar a sardiñada actuarán o grupo de pandereteiras As Maianas de Ames e da Banda de Gaitas Son de Ames. O domingo 24 de xuño, ás 13:00 h, haberá unha misa solemne e a continuación realizarase a corresponde procesión. A Banda de Gaitas dos Castros realizará o pasarrúas ao longo de toda a mañá do domingo.

Por outra banda, os veciños e veciñas da parroquia de Trasmonte celebran este domingo as festas na honra do Sagrado Corazón cunha misa solemne que se realizará ás 11:00 horas. Nesta misa cantada actuará a Coral de Bugallido. Ademais, os veciños e veciñas de Quinstiláns realizarán unha sardiñada o sábado 23 de xuño a partir das 21:00 horas.

Cacharelas e sardiñadas

Este ano houbo un gran número de peticións para realizar cacharelas tanto nas zonas rurais do municipio coma na zona urbana. Deste xeito, o concello de Ames autorizou 146 solicitudes de cacharela para a zona rural e 14 que se farán nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro. Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. O obxectivo é procurar facer as cacharelas coas precaucións necesarias.

Cómpre lembrar que o Concello de Ames invita aos veciños e veciñas do municipio a compartir a súa celebración da noite de san Xoán a través de fotografías das cacharelas. As fotos poderán ser enviadas ao correo electrónico prensa@concellodeames.org ata o vindeiro xoves, 28 de xuño. A única condición é que deben estar tomadas na noite de San Xoán e amosar algún aspecto significativo desta celebración popular: a noite, o lume e a festa. Todas as imaxes recibidas serán publicadas nunha galería da páxina web do Concello (www.concellodeames.org).