Pestanas principais

A veciñanza amesá volveu a implicarse coa campaña Ames En Negro contra as violencias machistas

Luns, 27 de novembro de 2017

[27-11-2017] O Concello de Ames sumouse, por segundo ano consecutivo, á campaña En negro contras as violencias, da que participan máis de 70 concellos galegos. O obxectivo desta campaña é visibilizar o rexeitamento da cidadanía ás violencias machistas, a través de camisetas, manteis, mandís, lonas e outros distintivos. Neste ano 2017, foron máis de 150 os axentes sociais implicados en Ames, entre establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos, ANPAS e centros de ensino. Alén diso, o Concello de Ames tamén organizou outras iniciativas en conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres: a presentación dos Puntos de Igualdade e do libro dos Bolechas nos centros educativos, así como a realización das xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero.



Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero
 
O pasado 16 de novembro, celebrouse a sétima edición das Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. Organizadas pola Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, as xornadas contaron, ao longo da mañá, con dúas conferencias (A transmisión de valores e estereotipos. De canto somos conscientes? e A educación sexual oculta. Unha mirada dende a pornografía ética e feminista), unha mesa redonda (Como afecta a violencia de xénero ás pequenas e aos pequenos?) e unha mesa de debate (Estratexias educativas como chave para a igualdade).

Pola tarde, as persoas participantes tiveron que escoller entre dous dos seis obradoiros programados: A comunicación positiva e eficaz para a resolución de conflitos; Falémoslle de sexo: suxerencias e ferramentas para educar á mocidade na afectividade sexual; Como potenciar as nosas habilidades emocionais? O autocoñecemento; Co-educar nenas e nenos máis libres e felices; A expresión corporal como ferramenta de empoderamento; e Estratexias creativas para a xestión da ansiedade e do estrés. 

Ademais, os institutos do concello, o IES de Ames e os IES de Milladoiro, acolleron, o pasado 24 de novembro, a realización do obradoiro A xestión do consentimento e as relacións afectivo-sexuais en mozas e mozos. Destinado ao alumnado de 3º da ESO dos dous centros, o obradoiro foi impartido por Martina González, psicóloga xeral sanitaria, especializada en diversidade sexual e de xénero, sexóloga e terapeuta de parella. 




Actividades programadas nos centros de ensino 
O pasado 21 de novembro, presentáronse os Puntos de Igualdade no CEP de Ventín e no CEIP da Maía, os dous primeiros centros en acoller esta nova iniciativa, que busca promover, desde o ámbito educativo, a igualdade de homes e mulleres na nosa sociedade. Os Puntos de Igualdade son, polo tanto, dous puntos móbiles conformados por diferentes obras infantís e xuvenís que se consideran libres de estereotipos de xénero. Co obxectivo de ofrecer recursos ao profesorado e ás familias para dialogar cos máis novos sobre a importancia da igualdade, estes espazos irán rotando polos diferentes centros educativos de Ames e polas bibliotecas municipais. Á presentación dos Puntos de Igualdade asistiron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e as dúas técnicas municipais do Centro de Información á Muller de Ames (CIM), María Teresa Arufe e Mónica Antelo. 

Outra das iniciativas organizadas nos centros de ensino amesán foi a presentación do libro dos Bolechas centrada no Concello de Ames e na igualdade. Na presentación, estiveron a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e a directora do Centro de Información á Muller de Ames (CIM), María Teresa Arufe. Esta iniciativa, igual que a anterior, busca promover a importancia do respecto, da igualdade, da empatía e da autoconfianza entre as máis cativas e cativos do noso concello. Estes exemplares foron repartidos entre o alumando de 2º e 3º curso de Educación Primaria de todos os centros escolares de Ames. 

A campaña En negro contra as violencias procura fomentar a realización dunha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal, a través da coordinación entre concellos de diferentes cores políticas. Con ela tamén se pretende implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento á violencia de xénero e dos asasinatos machistas, incidindo, de maneira especial, nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia contra as mulleres, mediante o uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e dos axentes sociais. Deste xeito, diferentes establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos e centros escolares de todo o Concello tinguíronse ,ao longo destes días, de negro para amosar a súa repulsa contra a violencia de xénero.

Diferentes actos protagonizaron á conmemoración do 25N no Concello de Ames
O Concello de Ames conmemorou o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa realización de diferentes actos o pasado venres, 24 de novembro. Ás 11:00 horas, o alumando do IES de Ames, en Bertamiráns, realizou unha performance en lembranza das 44 mulleres asasinadas no que vai de 2017. Ás 12:00 horas, as rapazas e rapaces de 1º de Bacharelato do IES de Milladoiro realizaron unha lectura de diferentes textos arredor da violencia machista.

Posteriormente, ás 13:00h, tivo lugar o acto institucional na Praza do Concello de Bertamiráns, onde se procedeu ao reparto de material e á lectura do manifesto por parte do alcalde de Ames, José Miñones, da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e da directora do Centro de Información á Muller de Ames (CIM), María Teresa Arufe. Durante o acto institucional tamén se realizou unha apertura simbólica de paraugas para mostrar o rexeitamento colectivo da cidadanía á violencia de xénero. De igual maneira, este día tamén se levou a cabo unha plantación de árbores no Paseo Carme Amado, en lembranza da primeira muller asasinada pola súa parella en Ames.