Pestanas principais

A veciñanza amesá ten dereito a intervir nos Plenos municipais

Mércores, 23 de outubro de 2019

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Administración Xeral, vén de poñer en marcha un novo procedemento administrativo para que os veciños e as veciñas individualmente, e/ou as entidades veciñais inscritas no rexistro municipal do Concello de Ames, poidan intervir nas sesións do Pleno municipal. Este proceso é posible grazas a elaboración do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá, que foi aprobado no pleno ordinario do pasado mes de febreiro e publicado no BOP do 8 de maio de 2019. Na web municipal, dento do apartado de Atención Cidadá, Participación, Dereito á participación, están a disposición da veciñanza dous modelos (un para persoas individuais e outro para asociacións) para solicitar a súa participación no Pleno. Tamén existe un banner no pé da web municipal que dá acceso a este apartado.

No pasado pleno ordinario de febreiro a Corporación municipal deulle luz verde á aprobación inicial do regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e de Ames Novo, mentres que os/as edís de Pacto por Ames e Partido Popular, abstivéronse. Posteriormente, pasado o período de exposición pública, dito regulamento foi aprobado de xeito definitivo e saíu publicado no Boletín Oficial da Provincia do 8 de maio de 2019.

Este regulamento recolle 36 artigos divididos en catro títulos para regular en base ás disposicións xerais, os dereitos da cidadanía, os órganos de participación cidadá e o tecido asociativo. Dito regulamento describe os dereitos da cidadanía á participación, ao acceso á información, así como o dereito a súa participación nas sesións plenarias ou de presentación de queixas, suxestións ou reclamacións, coa posta en marcha dunha Comisión especial. Ademais, regula a iniciativa popular, así como os órganos de participación a partir da Asemblea de participación cidadá, as Asembleas territoriais e os Consellos sectoriais, como os xa existentes de deportes, comunicación ou escolar que se puxeron en marcha no anterior mandato.

Agora, o goberno municipal vén de establecer un novo procedemento administrativo para fomentar a participación dos veciños e as veciñas individualmente, e/ou as entidades veciñais inscritas no rexistro municipal do Concello de Ames, nas sesións do Pleno municipal, regulado no artigo 15 do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá. Existen dous procedementos para intervir no Pleno municipal.

Co obxecto de fomentar o exercicio efectivo deste dereito, por parte do goberno municipal  acábase de habilitar un apartado específico na web municipal onde se explica como exercer este dereito de intervención no pleno municipal, así como dous formularios específicos, un para entidades veciñais e outro para particulares a través dos que solicitar dita intervención e que se poden descargar desde a propia web.

O concelleiro de Participación Cidadá, Víctor Fernández, destaca a “importancia de que a través deste procedemento calquera entidade, así como calquera veciño ou veciña de Ames poida dirixirse ao Pleno Municipal formulando rogos ou preguntas sobre a xestión municipal ao mesmo nivel que os seus representantes políticos, e que deste xeito ábrese de maneira significativa o Concello aos cidadáns, xa que con iso os amesáns e amesás poderán expoñer calquera asunto que teña que ver coas competencias municipais ante o máximo órgano de decisión municipal”.

Participación das entidades veciñais
O primeiro está dirixido ás entidades veciñais, inscritas no rexistro municipal de entidades veciñais, que desexen efectuar unha exposición ante o Pleno en relación a algún punto da orde do día, en cuxa tramitación interviñera como interesada ou nunha materia da cal se poida discrecionalmente estimar que teña interese específico. Deste xeito, as entidades veciñais poderán solicitar dita intervención mediante solicitude por escrito dirixida á alcaldía. A intervención terá que ser autorizada por parte da Alcaldía; realizarase a través dunha única persoa representante e terá unha duración máxima de 5 minutos, antes do debate e votación do asunto.

En todo caso, deberán cumprirse as seguintes regras: o asunto sobre o que se interveña estará incluído na orde do día; deberá solicitarse por escrito, con rexistro de entrada, e cunha antelación mínima de 24 horas antes da celebración do Pleno; o número máximo de asociacións que poderán por cada asunto incluído na orde do día intervir é de tres (se existisen máis solicitudes, intervirán as tres primeiras presentadas, por cada asunto); e a Alcaldía poderá denegar a intervención de xeito motivado, concretamente se é un asunto sobre o cal o Concello non ten competencia, ou se xa foi presentado noutra sesión nun período de tres meses.

Participación da veciñanza
Por outra banda, unha vez finalizada a sesión plenaria, o público asistente, previa solicitude por escrito de palabra, poderá realizar rogos e preguntas dirixidas ao goberno sobre asuntos de interese municipal. Estes rogos e preguntas contestaraos o alcalde ou alcaldesa, ou o concelleiro/a a quen lle corresponda. A duración máxima desta quenda de rogos e preguntas será de 20 minutos.

Esta quenda de intervencións deberá axustarase ás seguintes regras: os rogos e preguntas formularanse por escrito e por rexistro de entrada no Concello con 24 horas de antelación á celebración do pleno; no escrito de solicitude farase constar o contido sobre o que se desexa rogar ou preguntar; cada persoa que interveña non poderá facer máis de dous rogos ou de dúas preguntas ou un rogo e unha pregunta (a duración máxima da intervención por cada rogo ou pregunta será de 2 minutos); primeiro formularase a totalidade dos rogos e das preguntas e despois contestaranse; a contestación de cada rogo ou pregunta non excederá de 2 minutos e non haberá dereito a réplica e as solicitudes trataranse por orde de rexistro de entrada.

 

Novas relacionadas:

Compostea 24 horas: "Os veciños de Ames xa poden participar activamente nos plenos municipais"

A veciñanza amesá ten dereito a intervir nos Plenos municipais