Pestanas principais

A veciñanza amesá involucrouse na iniciativa “Móllate polos ríos”

Mércores, 02 de outubro de 2019

Preto de vinte veciños e veciñas de Ames participaron este pasado domingo, 29 de setembro, na xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consistiu, en Ames, na limpeza das dúas beiras e a canle do Rego dos Pasos. O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e a responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, participaron desta xornada de limpeza de ríos e regatos.

Dous grupos de voluntarios/as percorreron as dúas beiras e a canle do Rego dos Pasos para recoller un total de 80 quilogramos de lixo. Na canle atopáronse pneumáticos fora de uso, canos, loza, restos de obra e moitas botellas. Nas beiras, lixo máis pequeno como papeis, latas ou restos de envoltorios. A pesar da chuvia, a actividade desenvolveuse facendo bo o lema de “Móllate polos Ríos”. Unha vez transcorrida a limpeza, os/as participantes reuníronse na praza do Concello para avaliar a natureza e quilos de lixo recollidos en cada río para, despois, depositalos nos correspondentes contedores.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, explicou que “a primeira vista parece que o lixo diminuíu con respecto a anos anteriores, se ben estamos a falar dunha cantidade importante a recollida o pasado domingo. Agora debemos remitir os datos acadados a ADEGA, para coñecer máis polo miudo, a través dun informe, o estado dos nosos ríos”.

A asociación ADEGA, a través do programa “Proxecto Ríos”, vén organizando dende o ano 2008 estas xornadas de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia. O “Proxecto Ríos” é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Novas relacionadas:

El Correo gallego: "Área retirou o 34 % do lixo na campaña de Proxecto Ríos"

La Voz de Galicia: "Voluntariado amiense retiró 80 kilos de basura en varios ríos"

Compostela 24 horas: "A veciñanza amesá involucrouse na iniciativa Móllate polos ríos"

proxecto ríos 1

Multimedia

  • proxecto ríos 4
  • proxecto ríos 2
  • proxecto ríos 3