Pestanas principais

A veciña de Ames, Filomena Fraga, participará no acto Rosalías da vida

Sábado, 24 de marzo de 2018

[24-03-2018] Os Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago conmemorarán o vindeiro luns, 26 de marzo, o Día Mundial de Prevención contra o Cancro Uterino, enfermidade causante da morte de Rosalía de Castro. O evento, que se encadra dentro das accións de promoción da ruta As Pegadas de Rosalía, supón asemade a primeira actuación de consolidación do grupo de concellos integrantes. O acto incluirá unha visita teatralizada á Casa da Matanza, para a que haberá que reservar praza a través do teléfono 646 59 33 19 ou do enderezo de correo electrónico turismo@padron.gal. A programación do evento tamén comprenderá a celebración dunha mesa redonda, na que participarán diferentes mulleres con historias persoais de superación. Nesta mesa, que será aberta ao público ata completar aforo, participará a nosa veciña de Agrón, Filomena Fraga. A iniciativa preséntase baixo o nome Rosalías da vida.

O próximo luns, 26 de marzo, a Casa Museo Rosalía de Castro acollerá, a partir das 18:00 horas, un acto en conmemoración do Día Mundial de Prevención contra o Cancro Uterino. A iniciativa, que pretende converterse nun cita anual, está organizada polos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago, dentro das liñas de acción do proxecto conxunto As Pegadas de Rosalía.

O evento estará divido en dúas partes. A primeira constará dunha visita teatralizada á propia Casa Museo que, debido á capacidade das salas, se desenvolverá en dous pases: un primeiro ás 18:00 horas e outro segundo ás 19:00h. A visita, que afondará na vida de Rosalía de Castro, estará acompañada en momentos puntuais pola música do violinista Javier Cedrón e da pianista Margarita Viso. Para a participación nas visitas, será preciso inscribirse a través do número de teléfono 646 59 33 19 ou do enderezo de correo electrónico turismopadron.gal.

A segunda parte do acto será inaugurada pola Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro. Nesta parte, varias mulleres falarán das súas experiencias e vivencias persoais de superación, ante diferentes adversidades que se presentaron nas súas vidas. A nosa veciña de Agrón, Filomena Fraga, será unha delas. A amesá, que foi homenaxeada polo Concello de Ames o pasado 8 de marzo, é a autora da obra A Cancela, publicada por vez primeira en 1995 e reeditada polo Concello en 2006. Esta mesa redonda celebrarase no auditorio da propia Casa Museo de Rosalía e estará aberta ao público ata completar aforo.

O obxectivo que persigue a organización deste evento é achegar a parte máis humana, persoal e descoñecida da vida de Rosalía de Castro, ao tempo que se reivindica a súa vixencia como unha muller forte e loitadora, que se revelou contra as inxustizas e dificultades polas que todo ser humano pasa nalgún momento da súa vida, especialmente as mulleres. Ademais, a razón que explica a elección do día 26 de marzo para desenvolver este evento, data na que se conmemora o Día Mundial da prevención do cancro de útero, é que foi precisamente desta enfermidade da que faleceu Rosalía de Castro, o 15 de xullo de 1885 aos 48 anos de idade.