Pestanas principais

Varios veciños e veciñas de Ames participan no proxecto “Transmutar camiños”

Mércores, 02 de decembro de 2020

A través da concellaría de Benestar Social, varios veciños e veciñas de Ames, orixinarios de distintos países do mundo, exporán a súa experiencia como migrantes no proxecto de experimentación artística colectiva “Transmutar Camiños”. O proxecto procura amplificar a voz das e dos habitantes de vilas atravesadas polos Camiños de Santiago co obxectivo de converter as historias e experiencias  en procesos de creación contemporánea participativos e colaborativos. O resultado publicarase nun xornal virtual que se creará ao abeiro da actividade e que reflectirá a riqueza multicultural do concello.

O proxecto desenvolverase en diferentes concellos da comarca de Compostela (Ames, Brión, Teo e Vedra) ao longo dos meses de novembro e decembro de 2020. En cada un deles abordarase un tema distinto a partir do traballo conxunto de artistas profesionais e colectivos, asociacións e entidades veciñas, todo baixo a coordinación de 7H Cooperativa Cultural. No caso de Ames serán persoas que teñen experiencia como migrantes os que participen na actividade.

O proceso será dirixido por unha creadora profesional, quen proporá ao grupo de participantes a realización dunha proposta artístico-cultural orientada á creación dun xornal que reflicta a multiculturalidade do Concello. A encargada en Ames será Angélica Dass, artista visual brasileira residente en Madrid que adoita desenvolver iniciativas baseadas na defensa dos dereitos humanos a través de obras que convidan a reflexionar sobre a identidade e a memoria colectiva.

Como e cando
Dadas as circunstancias actuais, a coordinación do proxecto desenvolverase integramente de forma virtual a través de sesións de, aproximadamente, unha hora de duración . Os encontros realizaranse a través da plataforma Zoom, de uso gratuíto.    

Para a realización do proxecto, están programadas seis sesións virtuais, nas seguintes datas: 27 e 28 de novembro, 4, 11 e 18 de de decembro, en horario de 17:030 e sábado 19 de decembro ás 11:30 horas.

En cada unha das sesións, Angélica Dass compartirá coas participantes pautas e ferramentas para poder desenvolver a proposta artística de xeito colectivo. A creación e difusión final do proxecto será realizada polas propias participantes e a equipa de 7H Cooperativa Cultural, nos tempos e prazos que se acorden conxuntamente.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, agradece á Cooperativa 7H Cultural o seu traballo e “a a oportunidade que lle dan ás nosas veciñas e veciños de participar neste proxecto que supón a recuperación, visibilización e reivindicación da memoria das migracións de Ames, un Concello acolledor e paradigmático, caracterizado polo fluxo de persoas”. “Ames historicamente foi un municipio, como moitos outros de Galicia desde o que moitas outras persoas emigraron na procura dunha vida mellor”, engade Luísa Feijóo.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Vecinos de Ames originarios de distintos países participan en el proyecto «Transmutar camiños»"

Transmutar camiños.

Multimedia

  • Cartel de Transmutar Camiños
  • Sesión 1
  • Sesión 2
  • Sesión 2