Pestanas principais

Valoración de inicio de mandato e obxectivos para o ano 2024

Venres, 12 de xaneiro de 2024

O Goberno local encabezado por Blas García compareceu este venres 12 de xaneiro na Casa da Cultura do Milladoiro ás 11.00 horas ante os medios de comunicación para valorar os primeiros seis meses de mandato e dar conta das liñas de actuación que van  a marcar o ano 2024, que porán os cementos dos proxectos a desenvolver ao longo destes catro anos. O rexedor tamén repasou a actualidade do municipio e contestou ás preguntas dos medios de comunicación que se achegaron.

O alcalde de Ames, Blas García, fixo unha valoración global inicial antes de proceder a rolda de prensa na que cada concelleiro e concelleira explicou o traballo realizado ata o de agora na súa concellería, así como as previsións que teñen para este ano 2024. Nesta primeira intervención, o alcalde puxo o foco sobre tres obras que serán capitais para o mandato 2023-2027: o novo Mercado Municipal (que xa conta co apoio da Deputación da Coruña con 700.000 euros); o complexo deportivo do Milladoiro, con piscina de competición e un moderno ximnasio que dará servizo tanto á veciñanza do Milladoiro como da contorna; e, por último, o polígono empresaria de Bertamiráns, proxecto do que xa está está informada a Xunta de Galicia e no que se está traballando. Xunto a este polígono tamén se está a estudar a forma de crear vivenda en parcelas municipais para deste modo dar resposta a demanda actual existente no concello.

García tamén precisou que este pasado 2023 foi “un ano de récord en termos de investimento”, pois nunca se adicou unha cantidade maior a obras e servizos: un total de 7.190.000 euros. Nesta cantidade non están contemplados os contratos menores polo que, de engadirse sería sensiblemente maior.

Cultura, Turismo, Axenda Urbana e Comunicación
O rexedor, responsable de Cultura, Turismo, Axenda Urbana e Comunicación, comezou a súa intervención falando da extensa programación cultural deste primeiro semestre do ano, que inclúe doce espectáculos repartidos entre as casas de cultura de Bertamiráns e do Milladoiro con teatro e danza. Nesta liña, destacou o papel de Ames como “concello referente na comarca en actividades culturais”

En canto a Bibliotecas, durante este ano levarase a cabo unha importante reorganización tanto do servizo como do espazo. En primeiro lugar, farase posible a incorporación dunha nova persoa para ampliar o servizo. Tamén se farán independentes as salas de estudo da biblioteca, para que calquera persoa poida entrar a calquera hora e día da semana cun código persoal, dando así un servizo 24 horas os sete días da semana co obxectivo de adaptarse aos ritmos de estudo e traballo de toda a poboación amesá.

En canto a turismo, o departamento traballa en conxunto cos Concellos pertencentes á Asociación do Camiño de Fisterra-Muxía para desenvolver e dar visibilidade a esta ruta. Tamén se quere poñer en valor o feito de que “Ames é o único concello polo que pasan catro camiños e promover o municipio como un destino ecoturístico. Para iso, estase a traballar nun vídeo promocional no que se van destacar os principais atractivos do concello”.

Para comezar a planificar o Ames do futuro e poder optar a fondos europeos contar cun documento de Axenda Urbana é imprescindible polo que a concellería convidou aos distintos grupos municipais a participar neste proceso creativo para que toda a veciñanza de Ames se vira representada neste documento.

Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde
A concelleira, Susana Señorís, informou do inminente remate dos orzamentos do 2024, que espera poder levar ao Pleno no mes de febreiro. A concelleira manifestou a vontade de que estas novas contas sexan froito do “consenso e o diálogo cos distintos grupos parlamentarios” e anunciou contactos con todos e cada un deles na maior brevidade posible. Señorís tamén informou da intención do Goberno de revisar taxas,  prezos públicos e subvencións para axustalos a nova realidade do custo da vida.

En canto a área de deportes, un ano máis as escolas deportivas tiveron moi boa acollida por parte dos veciños e das veciñas de Ames. Aí o reflicten as cifras de inscrición das distintas actividades que se ofertan desde o concello, destacando as 1.685 persoas das Escolas Deportivas e 1.676 de Ponte en Forma, que suman un total de 3.300 persoas.

Pola súa banda, Promoción da Saúde está a traballar nun Plan de Saúde Mental Municipal que poña especial atención na poboación infantil, adolescente e nas persoas maiores segundo sinalou a concelleira. Esta iniciativa responde, segundo explicou a concalleira, “á prioridade que se lle dá desde o Concello á prevención, promoción e atención da saúde mental”. Este plan estratéxico dará unha resposta estruturada e transversal a un problema de saúde cada vez máis estendido, co obxectivo de proporcionar unha mellor calidade de vida a toda a poboación. Así mesmo, seguirán funcionando as diversas actividades impulsadas por esta área (Saúdeando, Marcha Nórdica, Mindfulness...).

Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade
O concelleiro Víctor Fernández expuxo que, durante o primeiro trimestre do ano, o Concello de Ames estará en disposición de demoler o inmoble situado no número 6 da rúa da Madalena para comezar así co proxecto de humanización do entorno da rúa Estivada de Castelao, Madalena e Camelias. Por outra parte explicou que se comezaron as xestións coa Xunta de Galicia (actualmente paralizadas ata despois das eleccións autonómicas) para a promoción de vivenda en solares de propiedade municipal e a construción dun novo polígono empresarial que responda a actual demanda de solo das empresas que queren asentarse no concello de Ames.

Fernández, consciente das necesidades de aparcamento nos dous principais núcleos urbanos do concello, tamén explicou que se produciron avances na negociación para a posta en marcha de novas prazas de aparcamento que espera poñer a disposición da veciñanza o antes posible.
En canto a administración xeral o edil puxo en valor o proceso de estabilización do persoal municipal que se está levando a cabo dende o Concello de Ames, que pasou de ter preto de 150 traballadores sen estabilizar a reducir a cifra a 14.

Promoción Económica, Emprendemento e Participación Veciñal
Dentro do ámbito de acción da súa concellería, Ana Belén Paz comezou destacando os bos resultados que veñen tendo os programas de formación e inserción laboral como o “Ames integra e emprega”, os obradoiros de emprego (RENOVA V) e o Inserames-Brión, programa no que se formou a aproximadamente un centenar de persoas e no que se superou o 50% de inserción laboral. Así mesmo, amosouse satisfeita cos últimos datos do paro do concello, os máis baixos rexistrados, e puxo en valor o traballo de técnicos e Corporacións pois “estos resultados son mérito de moita xente que leva traballando moito tempo”

A concelleira tamén destacou o gran impacto da campaña Bonos Consuma na economía amesá durante o Nadal pois, cun investimento de 61.000 euros, o Concello foi capaz de xerar un impacto de preto de 260.000 euros no comercio local cun total de 3.344 operacións.

Na actualidade a concellería está a traballar na preparación dunha nova edición da xornada “Innovames” o día 26 de xaneiro, un día no que diferentes empresas do concello relacionadas co mundo da innovación e da tecnoloxía se xuntarán para dar conta do que poden ofrecer e xerar sinerxias.

Outro proxecto destacado desta área é a praza de Abastos, que será clave para  o futuro do comercio amesá. Este proxecto está na fase final de redacción e xa se está a buscar financiamento. Actualmente cóntase co apoio da Deputación da Coruña cun monto de 700.000 euros.

Obras e Servizos Básicos
Gustavo Nieto, concelleiro de Obras e Servizos Básicos destacou o récord de investimento da concellería durante o ano 2023: o pasado ano a contratación de obras e servizos bateu o récord de investimento nesta área con máis de 7 millóns de euros e anunciou para o ano 2024 un investimento lixeiramente menor, sobre 6 millóns. Actualmente este departamento está centrado na posta en funcionamento da empresa pública Augas de Ames (EPEL), que iniciará a súa actividade o vindeiro 1 de abril.

O edil adiantou obras das primeira parte do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña neste 2024 (POS+2024) por valor aproximado dun millón de euros, á espera do plan complementario que se coñecerá entrado o ano.

Benestar Social, Igualdade e Voluntariado
Desde este departamento púxose de novo en funcionamento o programa Amessán (nesta ocasión un mes máis tarde, debido a necesidade de licitar o contrato) e organizáronse unhas xornadas o 25N cun programa máis amplo e variado que tivo unha gran acollida por parte da veciñanza. Tamén se fomentou a inclusión dos maiores en toda a programación de Nadal e se lle concederon axudas a aproximadamente 70 familias do concello de 1.200 euros por unidade familiar. Ademáis, tamén falou do programa de voluntariado e da boa acollida que están a ter as iniciativas impulsadas desde a Oficina de Voluntariado de Ames: “a participación nos eventos solidarios é sempre moi ampla, o que demostra que os veciños e veciñas de Ames son moi solidarios”.

Por outra banda, despois de meses traballo coas distintas administracións e entidades implicadas, a concelleira tamén anunciou que se entregarán un total de 68 vivendas, actualmente valeiras, a persoas que o requiran. Na actualidade, 28 destas vivendas xa están listas para ser entregadas.

Actualmente a concellería está a traballar na programación do 8M, na festa de entroido dos maiores, na ampliación da franxa horaria do transporte adaptado e no inicio dunha campaña de captación de voluntariado, relacionada cun Plan Soidade Cero, adicado especialmente para persoas maiores que o Concello de Ames está a desenvolver.

Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio
O concelleiro, Javier Antelo, fixou os obxectivos prioritarios que ten este departamento para 2024: a creación da OTC de Ames (operativa a partir de marzo), que servirá para asesorar á cidadanía na creación de comunidades enerxéticas, a continuación do programa de plantación nos montes amesás e a delimitación das colonias felinas. Por outra banda, en cumprimento da nova lexislación, tamén se comezará a contar cun servizo de lacería.

No referente a área de Medio Ambiente, nestes seis meses chegouse a un acordo coa Xunta de Galicia para que esta se faga cargo da limpeza de 30 hectáreas de monte e 30 quilómetros de pistas de monte. Ademais, comezarase a multar a partir de xaneiro  aos propietarios de parcelas de faixas secundarias de monte que ignoren de xeito reiterado os avisos de limpeza. Antelo destacou a boa acollida dos roteiros teatralizados que se levaron a cabo xunto as concellerías de Turismo e Promoción da Saúde e anunciou a inminente inauguración dunha horta urbana construída en Agro do Muíño.

O concelleiro tamén explicou as actuacións realizadas nos parques caninos de Bertamiráns e Milladoiro, que se irán complementado ano a ano, e informou da creación dun protocolo de actuación para animais abandonados ou perdidos.

Planificación e Xestión Educativa e Mocidade
Pola súa banda Carmen Porto, concelleira de educación, salientou a inversión feita nos distintos centros educativos (obras enmarcadas dentro do Plan Ames Progresa), por un valor de 63.000 euros. A edil explicou que de cara os próximos orzamentos ten prevista a licitación dun Plan de Mantemento para solventar as deficiencias nas que o Concello teña competencia.

En canto ao departamento de mocidade, Porto destacou a boa acollida de iniciativas como “Volta ao Cole”, “Galetiktokers”, o curso de Lingua de Signos, a “Xincana Xove” ou o obradoiro de son. Dende a concellería está previsto impulsar un clube xuvenil que promova o asociacionismo entre a xente moza e continuar facendo actividades como a saída á neve, os cursos de monitor de tempo libre, os reforzos educativos nos institutos ou os campamentos de verán. O obxectivo de todos estes proxectos é “seguir traballando  para a mocidade, para ofrecerlles novas posibilidades e oportunidades”. O local de A Factoría foi obxecto de actuacións de mellora nos equipos do local, no mobiliario, na fachada e fíxose un investimento en instrumentos musicais para os usuarios. A cantidade adicada foi de 15.000 euros.

De cara ao futuro, estase a traballar xunto coa comunidade educativa na mellora do regulamento para garantir a calidade,  sostibilidade e seguridade dos usuarios dos servizos de conciliación.

Por último, a concelleira apuntou que Ames seguirá apostando pola infancia e a adolescencia coa iniciativa Cidades Amigas da Infancia, promovida por UNICEF España xunto co Ministerio de Mocidade e Infancia e as provincias.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Vivienda pública en O Milladoiro y polígono en Bertamiráns, retos del mandato en Ames"

El Correo Gallego: "Ames fija metas: complejo deportivo en Milladoiro más polígono y mercado en la capital"

Ames Go: "Mercado municipal e polígono industrial en Bertamiráns e piscina e complexo deportivo en Milladoiro son os proxectos do mandato do Goberno socialista"

Valoración de inicio de mandato e obxectivos para o ano 2024

Multimedia

  • Valoración de inicio de mandato e obxectivos para o ano 2024
  • Valoración de inicio de mandato e obxectivos para o ano 2024
  • Valoración de inicio de mandato e obxectivos para o ano 2024