[12-04-2012] O Milladoiro celebrará a V Festa das Tapas durante a fin de semana do 21 e 22 de abril con importantes novidades. Organizada pola Asociación Cultural A Madalena en colaboración co Concello de Ames, a edición deste ano incrementa ata 14 o número de establecementos participantes e márcase como obxectivo dar un maior protagonismo á oferta gastronómica nos propios locais do Milladoiro. Deste xeito, cada establecemento presentará dúas tapas, a un prezo de 3 euros, elaboradas especificamente para esta celebración gastronómica, na que o público atopará desde pratos tradicionais ata cociña máis innovadora.

De forma anónima e sen identificarse como xurado, dúas persoas serán as encargadas de elixir a tapa gañadora despois de completar a Ruta das Tapas, valorando tanto o nivel culinario das propostas como a atención e a calidade do servizo ao cliente. Por primeira vez este ano, a tapa gañadora recibirá un premio de 200 euros en vales de compra canxeables en establecementos comerciais do Milladoiro, ademais dun cadro de honra na que quedará constancia do recoñecemento. Pola súa banda, os clientes que participen nesta celebración recibirán un ticket para optar a un sorteo de 4 ceas nos locais da V Festa das Tapas.
A relación de locais e tapas que se ofrecen nesa quinta edición é a seguinte:
- Tapería Xebre. Brocheta de vieira con langostino e solombiño de porco con queixo García Ulloa.
- Cervexería Curmáns. Revolto de grelos e gambas e “flaminquines”.
- Café-Bar El Pilón. Empanada de patacas e tapa especial Pilón.
- Café-Bar Manhattan. Capricho de Manhattan e tosta de revolto de cogomelos e queixo.
- Café-Bar 89. Callos e táboa de ibéricos.
- Café-cervexaría Gallaecia. Montadito de ovo de codorniz e xamón en salsa brava e peituga de polo rechea de queixo á mostaza.
- Fogar de Seidón. Foie con vieira e fabada.
- Tapería Antiqua. Saquiño crocante con marisco e boletus e tartaleta Antiqua de froitos secos.
- Entre vinos y tapas. Milfolla de zorza coroada con ovo de codorniz e sorpresa de patacas con polbo e queixo San Simón.
- Babia Café. Roliño de cecina con queixo de cabuxa e foie e tosta de bacallau afumado, crema de queixo e anchoa.
- Mesón O Trasno. Polbo á brasa e aliñas de polo en salsa.
- O Polígono. Polbo con ameixas e fabas con polbo. Ofrecerá tamén lamprea só por encarga.
- Cervexaría Galway. Chupito de Camemberg e langostinos e chipiróns recheos de cogomelos e gambas sobre crema de espárragos e xamón espolvoreado.
- A polbería Lito Mambis participará na Festa das Tapas ofrecendo polbo e churrasco no seu local e na carpa instalada no campo da festa.
A Ruta das Tapas estará debidamente sinalizada para facilitar o itinerario do público, que poderá gozar da súa degustación acompañados pola música de dúas charangas. O sábado 21 as charangas “O Santiaguiño” e TNT amenizarán o percorrido pola Ruta das Tapas mentres que o domingo 22 será a quenda dos conxuntos Os Atrevidos e O Recobio.
Verbena, atraccións infantís e mercadiño de artesáns
Como complemento á oferta gastronómica nos locais participantes na V Festa das Tapas, no aparcadoiro do Agro do Medio habilitarase o campo da festa cunha carpa onde se desenvolverá unha atractiva proposta lúdica para todos os públicos. Neste sentido, destaca a celebración dunha verbena o sábado 21, ás 22,00 horas, co grupo JJ y Son e dunha segunda sesión o domingo 22, ás 17,00 horas, co grupo Talismán. Do mesmo xeito, no campo da festa instalaranse 12 atraccións de feira para os máis pequenos. O domingo, a partir das 20,00 horas e ata o remate da festa, estas atraccións de feira ofrecerán a súa “Tarde feliz”, coa posibilidade de mercar dúas fichas ao prezo dunha.
Outro dos centros de referencia durante a fin de semana do 21 e 22 de abril será a rúa Anxeriz, na que se instalará un mercadiño de artesáns que permanecerá instalado ata o luns pola tarde, ampliando así a oferta do tradicional mercado de rúa da Praza de Manuel Murguía.




