Pestanas principais

A UTE Acciona Agua-Espina Servicios comezará a xestionar dende o 1 de febreiro o ciclo integral da auga en Ames

Martes, 13 de xaneiro de 2015

[13-01-2015] A UTE Acciona Agua-Espina Servicios iniciará o día 1 de febreiro a xestión do ciclo integral da auga en Ames. O alcalde Santiago Amor, a concelleira de Medio Ambiente Eugenia Martín e representantes da Unión Temporal de Empresas formalizaron hoxe o contrato que terá unha duración máxima de nove meses, non prorrogables.

A nova concesionaria ofrecerá o servizo de abastecemento e depuración das augas do Concello de Ames e tamén se encargará da xestión do lixo. Conta, na actualidade, cuns 14.000 abonados. Para calquera xestión, os usuarios deberán achegarse a partir do luns-2 á nova oficina situada na rúa Ameneiral, número 18, de Bertamiráns ou ao local municipal do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10.

Cómpre lembrar que o motivo polo que o Goberno local adxudicou a esta compañía a xestión da auga foi, principalmente, polo importante aforro que suporá para as arcas municipais. Resultou ser a oferta técnica e económica máis vantaxosa tras un proceso de licitación ao que se presentaron outras tres empresas.  

Acciona Agua-Espina Servicios ingresará un canon de 280.000 euros e ademais ofrecerá unha rebaixa do 15% sobre o prezo das obras que sexa necesario acometer no relativo ao abastecemento de auga e o saneamento. Entre as actuacións previstas para os próximos meses, o Concello prevé rematar os pequenos tramos de subministro de auga que se atopan incompletos en distintos núcleos, especialmente nas zonas rurais.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La nueva gestora del agua de Ames asumirá el servicio desde febrero"
El Correo Gallego: "A UTE Acciona Agua-Espina Servicios xestionará o ciclo integral da auga en Ames"