Pestanas principais

Uns 80 equipos participarán no III Torneo de fútbol base Ames Cup

Luns, 14 de abril de 2014

[14-04-2014] Por terceiro ano consecutivo o Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organiza o torneo de fútbol base Ames Cup, que se desenvolverá dende o día 17 ata o 19 de abril no campo municipal de Bertamiráns. O Pazo da Peregrina acolleu este luns pola mañá a presentación deste evento deportivo, que se realiza durante as vacacións de Semana Santa. No acto de presentación estiveron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e o secretario técnico do Bertamiráns FC, Sergio Penas. Neste torneo participarán preto de 80 equipos das categorías biberón, prebenxamín, benxamín e alevín. Participarán os equipos locais do Bertamiráns FC e do Milladoiro SD, así como equipos pertencentes as zonas de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ourense, etc.


O campo municipal de Bertamiráns acollerá ao longo desta semana a terceira edición do Torneo de fútbol base Bertamiráns FC, Ames Cup. Este ano incrementouse a participación e haberá preto de 80 equipos que compitan nas categorías de biberón, prebenxamín, benxamín e alevín. A competición será mixta polo que os equipos poderán estar formados por nenos e nenas. O torneo rexerase polas normas da FIFA e da Federación Española de Fútbol, sendo necesario que o Club inscrito estea en competición esta temporada. Segundo estas normas, o torneo disputarse na modalidade de fútbol 8.

A terceira edición da Ames Cup desenvolverase os días 17, 18 e 19 de abril. Cada día competirán os rapaces e rapazas dunha categoría determinada. Deste xeito, o xoves 17 realizarase a competición da categoría benxamín, o venres 18 xogarán os nenos/as das categorías biberón e prebenxamín, e por último, o sábado 19 competirán os xogadores/as de categoría alevín. Os equipos estarán encadrados en grupos de tres ou catro equipos cada un. Na primeira fase os equipos enfrontaranse entre eles disputando dous ou tres partidos cada un (dependendo de se o grupo está formado por tres ou catro equipos).

O primeiro e segundo equipo de cada grupo clasificarase para a fase final, mentres que o terceiro e cuarto xogarán a fase de consolación. A segunda fase desenvolverase polo sistema de eliminación directa. Todos os partidos terán unha duración de dous tempos de 12 minutos cada un, excepto nas finais, onde cada parte terá unha duración de 15 minutos. Para resolver calquera dúbida poden poñerse en contacto co Bertamiráns FC a través do número de teléfono 620 875 369 ou 611 615 209.