[25-08-2012] A praia fluvial de Tapia acolle este domingo 26 de agosto a XXVII edición do descenso do Tambre. Uns 400 deportistas de toda Galicia xuntaranse na tradicional baixada do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames, organiza unha competición que xa é unha referencia para o piragüismo galego debido á alta calidade dos seus participantes. Este ano haberá dous circuítos, un de seis quilómetros para as categorías de cadetes, xuvenís, sénior e veteranos. Os participantes nestas categoría realizarán un descenso dende Portomouro ata a praia fluvial de Tapia. O segundo circuíto, que conta cun quilómetro e medio de distancia, instalarase na praia fluvial de Tapia e está dirixido aos nenos e nenas de categoría benxamín, alevín e infantil.
O contorno da área recreativa de Tapia e o curso do río Tambre compoñen unha paraxe ideal para a práctica do piragüismo. Un ano máis, e xa van vinte e sete, o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames, organizan o xa tradicional descenso do Tambre. Nesta proba participarán un total de 398 padexeiros de toda Galicia que descenderán polas augas do río Tambre. Como en edicións anteriores este ano serán moitos os club galegos que loiten por acadar un bo posto neste evento deportivo.
O descenso de Portomouro a Tapia, que conta con seis quilómetros de distancia, comezará ás 16:30 horas para os participantes maiores de 14 anos. Nesta proba participarán un total de 72 padexeiros pertencentes as categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano. Os menores desta idade comezarán a súa proba ás 17:30 horas e contarán cun circuíto de quilómetro e medio de lonxitude instalado na praia de Tapia. Esta proba conta con 326 participantes das categorías benxamín, alevín e infantil.
Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2012 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos e todas os participantes. A recollida de dorsais será entre as 14:30 h. e as 15:30 horas do mesmo día de competición nas instalacións da praia fluvial e contarase cun posto de avituallamento para que ao remate das probas os padexeiros/as poidan recargar enerxías con bebidas e froita.
Ademais, ao final da tarde haberá unha merenda para todos os participantes. Para os tres gañadores absolutos do descenso do Tambre (kayak masculino, canoista e kayak feminino) haberá un lote de material deportivo como agasallo.