Pestanas principais

Uns 40 veciños e veciñas de Ames participaron nunha excursión pola ruta Rosaliana

Luns, 06 de marzo de 2017

[06-03-2017] Este sábado pasado, 4 de marzo, un grupo de 40 persoas participaron na excursión poética pola ruta Rosaliana. Con esta actividade pechouse a programación que preparou o Concello de Ames para conmemorar o 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Durante a excursión visitouse a Casa da Tarroeira, as igrexas de San Xoán de Ortoño e de San Xulián de Bastavales, así como a Casa Museo de Rosalía de Castro. Tres rapazas de Ames (Elsa, Sara e Noelia) recitaron e cantaron poemas de Rosalía no autobús e en cada unha das paradas que se realizaron. Todos os participantes foron recibidos en Padrón por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Os veciños e veciñas de Ames puideron coñecer máis polo miúdo a vida e obra de Rosalía de Castro a través desta iniciativa, que organizou o Concello de Ames dentro da programación específica para conmemorar o Día de Rosalía. Para iso, púxose á disposición da veciñanza amesá un autobús que saíu as 10:00 horas do Milladoiro e a continuación, ás 10:15 horas dende Bertamiráns, para recoller ás 40 persoas que se inscribiron nesta visita.

A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, que participou nesta ruta xunto ao concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou “a implicación da veciñanza amesá nesta iniciativa e o interese que mostraron pola vida e obra da autora galega”. A concelleira tamén agradeceu “a Sara, Elsa e Noelia por recitar e cantar poemas de Rosalía durante todo o percorrido, e a Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, pola ruta que nos fixo pola casa museo de Rosalía onde nos ofreceu unhas explicación sobre a vida e obra da escritora ben interesantes”.

A ruta comezou na Casa da Tarroeira, situada na parroquia de Ortoño, xa que constitúe un dos principais fitos da ruta Rosaliana. Segundo a tradición, Rosalía viviu nesta casa ata 1842, cando, tras cumprir 4 anos foi vivir coa súa nai para Padrón. Este lugar cobrou unha especial significación cultural cando o 12 de outubro de 1923 un conxunto de mozos universitarios visitaron a Casa da Tarroeira, para fundar o Seminario de Estudos Galegos. Neste lugar hai colocada unha placa que acredita que alí estivo o Seminario de Estudos Galegos. A continuación, os participantes nesta excursión visitaron a igrexa de San Xoán de Ortoño.

Visita á Casa Museo de Rosalía de Castro
De seguido, visitaron á Casa Museo de Rosalía de Castro que se atopa en Padrón. Neste lugar, recibiunos Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que foi o encargado de facer de guía e dirixir unha ruta pola Casa da Matanza na que lle ofreceu a todos os participantes explicacións sobre a vida e obra da escritora galega. Ademais, ao longo de todo o traxecto, tres rapazas amesás (Elsa, Sara e Noelia) cantaron e recitaron poemas de Rosalía.

Tras esta visita, os participantes foron en autobús ata a igrexa de San Xulián de Bastavales onde visitaron a devandita igrexa e escoitaron as famosas campás que inspiraron un dos máis famosos poemas de Rosalía de Castro. Neste lugar, onde rematou a ruta rosaliana, tamén puideron contemplar unha fermosa vista do Val da Maía.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Cuarenta vecinos participan en una ruta Rosaliana"
El Correo Gallego: "Corenta amesáns coñeceron a ruta rosaliana coa excursión municipal"